Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O Concello de Carballo propón múltiples propostas reivindicativas para o 25N

A Concellaría de Igualdade organiza por primeira vez unha concentración telemática // Mañá comezan as actividades, dirixidas a nenos e nenas

Este 25N terá un formato diferente no Concello de Carballo pero o contido reivindicativo non quedará atrás e farase a través das plataformas online. Os interesados poderán participar na mobilización a través do teléfono móbil ou do ordenador, simplemente entrando en www.carballo.gal ou nas redes sociais do Concello. Por cada persoa participante aparecerá unha icona amosando a súa situación nun mapa, para poder ver cantas voces se escoitan contra as violencias e dende onde.

O día 25, o Concello de Carballo tamén se sumará á iniciativa da Federación Española de Municipios e Provincias para gardar un minuto de silencio ás 12:00 horas por todas as vítimas da violencia machista. No contexto actual de crise sanitaria realizarase unicamente unha concentración institucional.

PROGRAMACIÓN DIRIXIDA A TÓDOLOS PÚBLICOS. A programación arredor do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres inclúe outras propostas reivindicativas e culturais para distintos públicos que se desenvolverán nos días previos. O sábado 21 Pablísimo presenta “Príncipas e princesos” na Biblioteca Rego da Balsa, un espectáculo para nenos e nenas a partir de seis anos no que se cambian os roles para facer unha divertida reflexión sobre a igualdade. A actuación contará cun público presencial reducido, con reserva previa, e ofrecerase tamén en streaming a través de YouTube e de Facebook. O luns 23 poderán verse fotografías e pinturas de artistas locais contra a violencia de xénero en diferentes rúas do centro urbano. O martes 24 e mércores 25 desenvolverase o “1 minuto contra a violencia de xénero”. A iniciativa consiste en enviar un vídeo de 1 minuto de duración, como máximo, cunha mensaxe contra a violencia machista. Os vídeos deben remitirse a comunicacion@carballo.gal.

O día central, o mércores 25 de novembro gardarase o minuto de silencio ás 12:00 horas e haberá manifestación telemática das 20:00 horas. Ao finalizar, para as 20:30 horas está programada no Pazo da Cultura a estrea do espectáculo Bravas: historias das nosas mulleres, da man da actriz Isabel Risco. A entrada será libre e gratuíta, con previa reserva de entrada no email culturaentradas@carballo.gal, enviando nome, apelidos e número de teléfono. Debido ás restricións sanitarias, poñeranse a disposición do público 30 entradas.

OUTRAS ACCIÓNS. O Concello de Carballo participa este ano, ademais, na campaña “De fronte á violencia de xénero”, promovida dende a Área de Igualdade da Deputación da Coruña. Tamén colaboraron na campaña “Na Costa da Morte rompemos o silencio”, impulsada por Agader Costa da Morte. E, como en anos anteriores, está en marcha a iniciativa “En negro contra as violencias”, que acada unha boa resposta entre o comercio e a hostalaría de Carballo.

20 nov 2020 / 21:09
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.