Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
O Centro de Promoción Rural oferta Educación Secundaria e tres ciclos formativos do ámbito agrario // “O obxectivo é que os alumnos se integren profesional e socialmente no seu territorio”, afirma o director

O EFA Fonteboa de Coristanco, unha aposta pola xente xoven e a súa vida no rural

O Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa é un proxecto educativo diferente para o desenvolvementodo rural. Trátase dun centro de formación instalado no municipio de Coristanco no que se imparte Educación Secundaria Obrigatoria e ensinanzas de Formación Profesional da familia agraria. Na súa orixe o acrónimo EFA tiña o significado de Escola Familiar Agraria pero dende fai uns anos pasou a considerarse unha marca modelo educativo. Este proxecto contempla catro aspectos: unha atención personalizada (o proxecto educativo vai máis alá da instrucción académica buscando que exista un interese na formación), a responsabilidade educativa das familias (trabállase moito coas familias do alumado), nos programas de formación aplícase a metodoloxía da alternancia educativa (unha conexión moi estreita entre o centro educativo e o tecido produtivo como son as empresas agroalimentarias da contorna), e por último, o desenvolvemento local. Neste sentido, “o noso obxectivo é que os alumnos que rematan os estudos de Formación Profesional se integren profesional e socialmente no seu territorio”, afirma Luís García, director da EFA Fonteboa de Coristanco.

En concreto, como Formación Profesional de Grado Medio ofrécese o Ciclo de “Produción Agropecuaria” e a maiores está o Ciclo Formativo de Grado Superior de “Ganadería e Asistencia en Sanidade Animal” e o Ciclo de Grado Superior de “Paisaxismo e Medio Rural”.

ALUMNADO. En Secundaria hai arredor de 90 alumnos, e en FP un total de 120. Tamén hai Educación Secundaria de Adultos no que hai unha vintena de persoas, cifra variable xa que funciona por un sistema cuatrimestral.

Maioritariamente acceden a este tipo de ciclos alumnos varóns. En Grado Superior as porcentaxes poderían situarse nun 60- 40, mentras que en Grado Medio o 90% do alumnado é masculino e o 10% son mulleres. Independientemente destas cifras, o EFA Fonteboa pretende que cada persoa que se inscribe nunha formación veña cun boceto de proxecto. “A maior satisfacción do centro é ver que antigos alumnos se incorporan á explotación familiar ou ben lideran proxectos de desenvolvemento local”, di Luís García.

Por outra parte, en programas de formación continua desenvólvense varias actividades complementarias á ensinanza reglada. Formación en apicultura, horta ecolóxica, cursos específicos sobre acreditación en benestar animal, cursos fitosanitarios... “Son programas de formación que tamén están abertos á participación da xente da contorna”, engade o director.

COLABORACIÓN CON EMPRESAS. Hoxe en día hai un cento de empresas agroalimentarias da provincia da Coruña que firman acordos de colaboración co Centro para desenvolver determinados programas. “O obxectivo é desenvolver a actividade en situacións reais”, detalla o director de EFA Fonteboa. Asimesmo, polo centro pasan profesionais que participan cos alumnos en diferentes coloquios, seminarios e outras actividades.

O EFA Fonteboa leva funcionando dende o ano 1975 polo que na actualidade é un proxecto educativo moi coñecido e ben valorado. “Cada ano estamos aportando sabia nova ao rural”, engade. Ademais, tanto o profesorado como o alumnado participa no programa Erasmus con estancias en diferentes países como pode ser Francia.

Estamos ante un claro exemplo de que a xente xoven segue mantendo o compromiso co rural. Nos últimos anos houbo un crecemento sostido en canto ás matrículas. O ano pasado había cen e este ano hai 120. “O rural está vivo e hai posibilidades”, conclúe o directivo.

28 oct 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.