Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
As xeracións pasadas adicáronse a esta profesión producindo, principalmente, pezas para uso doméstico // Hoxe en día, cobran forza as decorativas // Para Aparicio Añón a olaría é un modo de vida

O labor dos oleiros de Buño, unha arte ligada á súa historia e cultura

Buño é un pobo galego que se dedica a conservar e potenciar a olaría. A pesar de que é unha tradición do século XVI, todo parece indicar que a artesanía segue sendo o motor económico de moitas casas. A tradición pasa de xeración a xeración e o barro non desaparece dos fogares da vila malpicana.

Aparicio Añón Caamaño, con 67 anos, é o oleiro, en activo, máis veterano de Buño. “Todos os meus antepasados, máis alá dos tataravós, foron oleiros. Con só oito anos xa lle axudaba a aos meus avós e a meu pai”, conta el. Por circunstancias da vida, o pai de Aparicio morreu xoven e el con 14 anos quedou ao fronte do taller.

Actualmente hai sobre doce talleres en todo Buño. “O de agora non é a olaría tradicional que se facía fai cincuenta ou douscentos anos”, di Aparicio. Antes as pezas que se fabricaban eran para uso doméstico, para vivir o día a día. Cuncas, cazolas, pucheiros, tazas... instrumentos que se empregaban en calquera casa de Galicia. Por aquel momento os artesáns acudían ás feiras de toda a comarca de Bergantiños e outros municipios da comunidade galega para a venta dos mesmos. Hoxe en día, siguen facéndose ese tipo de elementos populares, pero máis ben a produción céntrase en pezas de decoración como pratos de colgar e xarróns.

Aparicio non se atreve a dicir unha cifra das pezas que pode ter no taller. “Son moitas. Xa temos tanta referencia como pode haber na ferretería”, destaca. Hainas de todo tipo e de todos os tamaños. Tazas, recipientes para o mel, chocolateiras, cazos, fuentes, xarróns, petos... un espazo para perderse nel.

Todos os talleres da parroquia malpicana son familiares. “Na miña casa dende que me casei axudoume a muller. Ademais, teño dous fillos que tamén axudan no seu tempo libre”, comenta.

GRAN INTERESE NA OLARÍA. Fai máis de cincuenta anos que Aparicio dirixe o taller e foron moitos os interesados que pasaron por alí nese tempo. “Sempre houbo moita xente visitando o obradoiro para coñecer como se traballa. Houbo días de ter ata sete autobuses de nenos de diferentes colexios de toda Galicia. Por alí pasaron,entre outros, asociacións de amas de casas, asociacións culturais e alumnos e profesores de universidades da Coruña e Santiago.

Aparicio cree que a olaría interesa a todo o mundo. El defínea como unha profesión espontánea. “Cando estás traballando colles un trozo de barro, polo na roda, o torno giro e ti coas mans vas dándolle forma á peza. Iso non leva moito tempo, en quince minutos pode estar feito”, di Aparicio.

COMO SE TRABALLA. O proceso de elaboración ten catro etapas: selección e amasado, produción e secado, esmaltado e enfornado e por último, a cocción e enfriado. Os oleiros poden e deben facer o traballo con quietude. “O que fas hoxe ata dentro de quince días non o vas a poñer á venda excepto que sexa algo urxente ou que sexa algo moi sinxelo”, comenta. Neste sentido, deben ter unha determinada produción para cargar o forno xa que non se pode cocer por unha ou dúas pezas.

Os fornos foron cambiando co paso das décadas. Nun principio cocíase en fornos de leña. Aparicio recorda que despois seu avó e un tío empezaron a facer fornos pequenos dentro das casas para protexelos da intemperie. Hoxe en día hainos eléctricos, de gasoil ou de propano. O seu tamaño e capacidade dependerá do número de traballadores. “Eu utilizo tres. O primeiro que comprei é un forno de propano que ten dous metros cúbicos xa que antes cocíase moito e eramos catro persoas no taller. Despois pasei a utilizar un de un metro cúbico. Agora os encargos son máis puntuais polo que uso un máis pequeno de 30 litros”, explica.

Segundo a percepción de Aparicio, as persoas interesadas en comprar pezas artesanais son maiormente persoas duns 40-50 anos. A maiores, anos atrás facíanse moitos detalles para bodas, comunións, ou outros eventos. Unha profesión que se foi dosificando co paso do tempo.

Con mimo e delicadeza, Aparicio e os seus descendentes seguirán facendo pezas únicas dadas as peculiaridade do produto artesán.

Video no que Aparicio fala da súa vida como oleiro, no que vemos paso a paso a produción dunha peza de cerámica

25 sep 2020 / 09:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.