Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O plan Cicl-Ando será o eixo da Semana Europea da Mobilidade de Carballo

Celebrarase do 16 ao 23 de setembro // Haberá andainas, rutas en bicicleta, actividades de seguridade viaria, concursos, charlas e xogos na rúa para peques e maiores

A rúa dáche a vida e ó lema da Semana Europea da Mobilidade de Carballo, que se desenvolverá do 16 ao 23 de setembro e terá como eixo o proxecto Cicl-Ando: 18 quilómetros de sendas ciclo-peonís que comunican a zona urbana co principal centro de traballo, o polígono industrial de Bértoa, e cun dos principais recursos turísticos do concello, a praia de Razo.

Dende a Concellaría de Mobilidade deseñaron unha programación aberta a todas as idades e absolutamente transversal, na que participan as distintas áreas e servizos municipais, pero tamén entidades, empresas e centros escolares, que un ano máis serán escenarios de varias actividades.

Comezará o xoves, día 16, coa presentación pública do proxecto Cicl- Ando Carballo (19.00 horas na Praza do Concello). Intervirán Juan Seoane, concelleiro de Mobilidade; Ezequiel Mosquera, ex ciclista profesional, e Milagros Lantes, alcaldesa en funcións. Será un acto ao aire libre, con proxección de vídeo, reparto de material informativo e unha actuación sorpresa. O venres 17 haberá unha andaina solidaria polas sendas do proxecto Cicl-Ando, coa colaboración da Asociación Galega de Transplantados de Médula Ósea (Asotrame). Será un percorrido duns seis quilómetros.

A finalidade solidaria do evento é axudar ao desenvolvemento do proxecto Adianthe, que está a levar a cabo o Grupo de Investigación en Oncohematoloxía do Servizo de Hematoloxía do CHUS, e que ten como finalidade o desenvolvemento da intelixencia artificial para o tratamento personalizado do cancro hematolóxico. Con esa finalidade, Asotrame instalará unha mesa informativa no punto de saída e abrirá unha fila 0 para as persoas que queiran colaborar. Difundirase tamén entre os asistentes información básica sobre o beneficio do exercicio para a saúde. As persoas que queiran participar poden inscribirse enviando os seus datos (nome e idade) a comunicacion@carballo.gal ou no propio punto de saída (19.00 horas, Gadis Híper), onde se entregará material para a ruta a todos os participantes.

O sábado 18 (11.00 h – saída do Gadis Híper) terá lugar unha ruta en bicicleta ata Razo, pola senda que comunica a zona urbana coa costa, e que sorprenderá especialmente polo seu percorrido alternativo á estrada provincial. Tamén terá fins solidarios e contará co patrocinio da empresa construtora Vázquez y Reino, que executou varias obras do proxecto Cicl-Ando Carballo, incluída a senda a Razo. O percorrido terá como guías a integrantes do Club Ciclista Carballo Vázquez y Reino. Á chegada a Razo, os participantes serán recibidos cun almorzo saudable e tamén se entregará material, polo que se precisa inscrición previa en comunicacion@carballo.gal, preferentemente, ou o mesmo día no punto de partida.

E o domingo 19 será o Día sen Coches. Este ano ampliaranse as zonas que se cortarán ao tráfico para convertelas en espazos de xogos e actividades para todas as idades. O eixo formado polas rúas Valle-Inclán, Concepción Arenal e Cervantes, a rúa Eduardo Pondal, a rúa Vila de Laxe e a rúa Mahón acollerán distintas propostas tanto pola mañá coma pola tarde: xogos populares, obradoiros de primeiros auxilios, sesións deportivas... son algunhas das actividades nas que poderás participar.

O tradicional circuíto de seguridade viaria volve á Praza do Concello o luns 20 (de 17.00 a 20.00 horas) para todos os nenos e nenas que queiran participar. O único requisito é que acudan con bicicleta, patíns ou patinetes. A Policía Local encargarase de “regular o tráfico” e de amosarlles as boas prácticas para circular nos seus vehículos. E o martes 21 pola tarde, en colaboración coa Asociación Íntegro, farase un chequeo á accesibilidade urbana: por unha banda, para ver as medidas adoptadas na zona chequeada o ano pasado, e, por outra, para buscar novos ámbitos de actuación dentro do plan de eliminación de barreiras arquitectónicas e mellora da accesibilidade que está a desenvolver o Concello, e no que se teñen en conta as necesidades que achegan as persoas con problemas de mobilidade.

Co obxectivo de contribuír á mellora da seguridade viaria para todas e todos, o mércores 22 (19.00 h – Fórum Carballo) a Garda Civil de Tráfico e a Policía Local participarán nunha xornada informativa aberta a toda a veciñanza, e de especial interese para as persoas adultas e maiores.

A Semana da Mobilidade 2021 pecharase o xoves 23 con dúas propostas. Pola mañá repetirase Á feira en bici, que tan boa acollida tivo o ano pasado, e que consiste en entregar un agasallo a todas as persoas que acudan ata o mercado semanal en bicicleta. Só terán que pasar polo stand informativo que haberá na praza. E pola tarde, tamén se repetirá a Andaina con Senda Nova, polo treito máis descoñecido da Ruta dos Muíños do Pan, dende A Ponte de Bértoa, onde se realizará a saída ás 17.30 horas, ata o Muíño da Cheda.

Ademais de todas estas actividades, a Semana da Mobilidade tamén se celebrará nos centros escolares. Entre o 20 e o 27 de setembro levaranse a cabo xogos baseados no proxecto Cicl-Ando Carballo, e ademais ata o día 30 realizarase un concurso en Instagram. Simplemente hai que seguir a conta @carballomola, publicar unha fotografía en aberto feita en calquera das rutas ciclopeonís e utilizar o cancelo #ciclandocarballo. Os participantes poderán gañar un cheque de 100 euros para consumir no comercio local.

14 sep 2021 / 21:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.