Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Obradoiro de debuxo urbano para alumnado do Agra de Leborís da Laracha

A Laracha. Unha quincena de alumnos de terceiro e cuarto de ESO do IES Agra de Leborís participarán este venres, de 09.30 a 14.00 horas, nun obradoiro de debuxo urbano que se celebrará na área recreativa de Gabenlle.

Será impartido pola escola profesional de banda deseñada e ilustración O Garaxe Hermético baixo a organización do Concello e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, en colaboración co citado centro de ensino.

Os obxectivos desta iniciativa son diversos e complementarios, xa que se combinará a formación artística dos participantes co coñecemento dos entornos naturais e a concienciación ecoloxista e patrimonial. A aprendizaxe práctica de mañá compleméntase coa teórica por medio do vídeo explicativo das diferentes técnicas de debuxo que o ilustrador e produtor Kiko da Silva fixo chegar aos participantes no obradoiro.

Ademais, a iniciativa concluirá coa creación dun libro virtual con textos de Manuel Lourenzo, no que se incluirán debuxos de todos os rapaces dos dez municipios nos que se impartirá este taller.

Pola súa banda, o cómico Oswaldo Digón abrirá este venres o VIII Festival de Humor da Laracha co monólogo Outra movida, unha recompilación de contos baseados na súa propia vida. O show comezará ás 22.00 horas na casa da cultura e as entradas poden adquirirse desde unha hora antes na taquilla ou pola mañá no Concello. O custo é de cinco euros. M. Lavandeira

06 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.