Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Os escolares de infantil e primaria amosan nunha exposición a súa visión de Carballo

A iniciativa enmárcase dentro das actividades da Semana do Libro e a Lectura // Haberá música, teatro, maxia e obradoiros

A Semana do Libro e a Lectura convidou ás nenas e nenos carballeses de infantil e primaria para que manifestasen como ven o seu concello, baixo o lema Carballo é......

O resultado foi que Carballo é unha chea de cousas: mar, deporte, arte, regueifa, cultura, natureza... E sobre todas elas, e algunhas máis, traballaron nas aulas os nove centros participantes para crear a exposición que se vai poder ver do 25 ao 29 de abril na Biblioteca Municipal Rego da Balsa, a cal estará aberta ao público en horario de tarde.

Pero a Semana do Libro e a Lectura, organizada pola Concellaría de Cultura en colaboración coa AS-PG e patrocinada pola Fundación Luis Calvo Sanz, é moito máis. O concelleiro de Cultura, Marcos Trigo expresou a satisfacción por poder recuperar, despois de dous anos, unha actividade que foi a máis ao longo de catorce edicións, e que chega á número 15 con algúns cambios derivados, precisamente, da pandemia. Así, explicou, as actividades matinais non se desenvolverán na biblioteca, senón, agás no caso do CRA Ponte da Pedra, nos propios centros. Polas tardes, como viña sendo habitual, haberá actividades abertas ao público, aínda que con reserva previa de convite no 981 758580.

Polos colexios carballeses pasarán diferentes espectáculos de Cé Orquestra Pantasma, María da Pontragha, o mago David Méndez, Félix Rodríguez e Fran Rei, Teatro Ghazafelhos, Xarope Tulú e mesmo un obradoiro de robótica. E todos os días ás 18.00 horas, a Biblioteca Rego da Balsa abrirá as súas portas a toda a rapazada de 3 a 8 anos para que desfruten de Tardes de contos, música e maxia.

Luciano Calvo expresou a satisfacción da Fundación Luis Calvo Sanz polo regreso da Semana do Libro e da Lectura e o seu desexo de que esta actividade “fortaleza o espírito de lectura dos nenos e nenas e que o manteñan durante toda a vida”.

Pola súa banda, o alcalde, Evencio Ferrero, agradeceu a colaboración “totalmente decidida” da Fundación Luis Calvo Sanz e da Asociación Socio-Pedagóxica Galega para poder fomentar a lectura na infancia, “porque a lectura fainos críticos e autocríticos”, pero tamén para convidarnos a reflexionar sobre Carballo, “porque o espazo onde vivimos temos que seguir construíndoo entre todos”. Felicitou tamén ao profesorado e ás familias pola súa implicación

21 abr 2022 / 11:05
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.