Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Os hostaleiros carballeses apostan por unha reapertura segura

Dende hoxe poden abrir as terrazas co 50% de ocupación e ata as 18.00 horas

Carballo. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou na tarde do xoves o decreto do presidente da Xunta e a orde da Consellería de Sanidade coas novas medidas de prevención da COVID que entraron en vigor esta medianoite. A veciñanza de Carballo que hoxe en día atópase na franxa de entre 250 e 500 casos por 100.000 habitantes, poderá desprazarse aos municipios da área sanitaria da coruña que teñen incidencia. Outras das novidades serán as reunións dun máximo de 4 persoas entre conviventes e non conviventes. Os locais hostaleiros poden abrir as terrazas ao 50% e ata as 18.00 horas.

A reapertura das terrazas de hostalaría foi, precisamente, o tema central da xuntanza que se celebrou durante a mañá do xoves na comisión de seguimento da COVID, na que se acordou celebrar unha xuntanza coa asociación local do sector para valorar as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura.

Esa reunión celebrouse horas máis tarde coa participación do presidente e outros membros da xunta directiva da Asociación de Hostalaría de Carballo; o concelleiro de Seguridade, Juan Seoane, e o xefe da Policía Local, Roberto Mosquera. Na xuntanza deuse conta das normas establecidas nese Plan de hostalaría segura para o funcionamento das terrazas de hostalaría, que, entre outros aspectos, refírese á disposición do mobiliario. En concreto só se poderá utilizar unha de cada dúas mesas, e que a que non poida utilizarse deberá contar cos elementos necesarios para impedir o seu uso. Ademais, o plan elaborado pola Xunta obriga aos establecementos a colocar nun lugar visible un cartel co aforo permitido e a controlar o seu cumprimento. No caso contrario, a responsabilidade recaerá sobre o local.

DENUNCIAS. Por outra banda, na comisión de seguimento da COVID informouse por parte do xefe da Policía Local das 140 denuncias que se levan tramitado este ano polo incumprimento das medidas de prevención. Así mesmo, a concelleira Milagros Lantes trasladou os parabéns do goberno municipal tanto á Policía Local coma a Protección Civil polo dispositivo que puxeron en marcha durante o cribado que se levou a cabo a semana pasada no centro de saúde, no cal, segundo os datos publicados pola prensa, participaron 3.025 persoas (77,33% das citadas) e detectáronse 4 positivos.

26 feb 2021 / 13:58
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.