Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Os socialistas denuncian as demoras das melloras nos portos de Malpica e Barizo

O deputado socialista Martín Seco denunciou na Comisión de Pesca do Parlamento “a absoluta falta de compromiso do goberno galego cos necesarios investimentos para mellorar a seguridade e as infraestruturas dos portos de Barizo e de Malpica ante as reiteradas demandas do sector pesqueiro e marisqueiro”.

Acusou á Xunta de dilatar o proceso para atender estas demandas. “Anuncian plans, estudos e proxectos”, sinalou, “pero o certo é que nunca acaban de concretarse e tan só sacan peito por pequenos investimentos, como se a súa obriga non fose levar a cabo as actuación de mantemento destas dársenas”.

Incidiu de maneira específica na falta de compromiso co porto de Barizo, que “non lles interesa”. Nesta liña, recolleu as demandas dos propios mariscadores que desenvolven alí a súa actividade e que levan anos padecendo “os atrancos e os pretextos” da administración autonómica. Neste caso, lembrou que hai anos que se prohibiu descargar alí por carecer dun mecanismo para garantir a trazabilidade dos produtos, o que lles obriga a descargar no porto de Malpica, cos riscos que iso conleva. Ao mesmo tempo, reiterou a solicitude para que se arranxe a rampla de acceso e que volva funcionar a grúa, mesmo investindo nunha nova.

Martín Seco tamén incidiu nas eivas detectadas no porto de Malpica, onde “non hai máis que ir alí a ver como entran os barcos polas comportas: produce auténtico arrepío”. Tras remarcar que as condicións de acceso á dársena “son de moito perigo” e que incluso chegou a haber unha morte en 2018, lamentou que “a pesar dos múltiples anuncios da Xunta sobre melloras seguimos a esperar polas actuacións prometidas”. Nesta liña, ao igual que se fixo dende o Concello hai tempo, o parlamentario do PSdeG reivindicou a ampliación do dique de abrigo, que “podería ser unha solución para os problemas de seguridade do porto”.

Fronte a estas demandas, Martín Seco denunciou que “levamos catro anos agardando por esas solucións”. Ao fío disto, lamentou que meses despois de impulsar unha moción de censura contra o alcalde do PSdeG, Walter Pardo, o PP e a Xunta “esqueceron todo para converterse en amigos de conveniencia por uns intereses ocultos que non lle explican á cidadanía, pero que paralizaron o bo traballo en curso dun goberno socialista que pensaba na veciñanza”.

Así, ademais das esquecidas demandas en materia portuaria, Martín Seco alertou do esquecemento de peticións como a homologación do exitoso Camiño dos Faros, “que segue metido nun caixón”, as obras de acondicionamento na AC-418 e AC-422, a axuda para a separación das augas fluviais e fecais ou o mantemento da EDAR.

03 mar 2022 / 19:24
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Mar
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.