Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

‘Parte de nós’, unha exposición que retrata a historia da Malpica mariñeira

Monchiño, veciño da vila, amosa con ela o duro traballo das súas xentes para saír adiante // Embarcacións, redes, ferramentas e outros aparellos dan vida á mostra

Retratar as penurias, o esforzo e o duro traballo co que saíu adiante Malpica e a súa xente durante o século pasado. Ese é obxectivo que persegue a exposición Parte de Nós que se poderá visitar durante todo o verán nas instalacións do mercado municipal.

O promotor da singular iniciativa é Monchiño, un coñecido veciño de Malpica que, coa axuda da xente, foi o encargado de xuntar a maioría dos variados obxectos que compoñen a mostra.

Tanto a veciñanza como os visitantes que se acheguen ao mercado poderán contemplar diferentes tipos de redes de pesca, trampas, compases, embarcacións, mapas, cartas náuticas, publicacións, ferramentas e outros aparellos que se empregaban tradicionalmente no oficio, ou que estaban vinculados co mesmo a través doutros profesionais que prestan os seus servizos ás xentes do mar.

“Fun xuntando todas estas cousas no tempo que tiña libre cando non ía ó mar, pero isto non remata aquí nin moito menos”, afirma Monchiño. Coa axuda de varias persoas foi limpando e distribuíndo os obxectos polas estancias. O seguinte paso, segundo conta, pasa por catalogar cada un deles coas súas características e o uso que se lles daba antigamente.

“É historia viva. Cada unha destas pezas foi partícipe de como Malpica chegou ata o día de hoxe, a través de moito esforzo e, por desgraza, de moita miseria”, asegura.

A exposición continuará a medrar, xa que a intención do seu promotor é seguir incrementando na medida do posible a colección. "Gustaríame que a xente se animara a colaborar e poder así, entre todos, construír un relato moi amplo e completo sobre a nosa xente”, conclúe.

REDEIRAS. Parte desa historia que Monchiño recolle na súa exposición foi escrita por un colectivo fundamental na actividade pesqueira: as redeiras, a quen este sábado se lles rendeu homenaxe na lonxa local. O centro de poxas de peixe e marisco exerceu como escenario para a estrea do documental Redeiras-Sea Weavers, de Mugunzu Producciones e Doha Debates.

Un audiovisual que da voz ás mulleres galegas que desenvolven un duro traballo manual e cualificado, pero pouco valorado. A súa loita pola igualdade, a equidade e unhas condicións dignas fanse máis visibles a través deste documental, dirixido por Edu Marín.

O porto de Malpica conta cun importante número de profesionais redeiras que, froito do seu bo facer, non só prestan servizo aos barcos da frota local, senón que elaboran aparellos de pesca para embarcacións doutros portos de Galicia e tamén de vilas mariñeiras do Cantábrico. Estas mulleres foron este sábado as grandes protagonistas na súa vila, ata onde se deprazou tamén o delegado da Xunta, Gonzalo Trenor.

26 jun 2021 / 17:20
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Mar
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.