Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Pechan o vial que une os diques do porto malpicán

Logo dunha revisión, os técnicos din que non se pode garantir a seguridade // O patrón maior fala de “duro golpe” para o sector

Portos de Galicia procedeu na tarde do venres ao peche do vial que une os diques norte e sur da zona portuaria de Malpica de Bergantiños, logo de detectarse na última revisión técnica que presenta certas deficiencias que impiden garantir a estabilidade da mesma, e máis co paso de vehículos pesados.

Trátase dunha plataforma viaria pilotada no fondo mariño que, segundo indicaron dende Portos, “vense sometendo a revisións periódicas e despois da última, os técnicos din que non se pode garantir a seguridade polo que se decidiu pechala ao tráfico”.

Aseguran ademais que son conscientes do “problema que isto supón para o sector da pesca”, e sinalan que nos vindeiros días “avaliarase a situación para ver de solucionar as carencias”, pero recoñecen que é unha cuestión complexa polo que, de momento, non se poden fixar prazos para unha reapertura.

A comunicación de Portos foi recibida como un xerro de auga fría na confraría de pescadores de Malpica xa que, segundo o patrón maior, Pedro Pérez, “supón un duro golpe para todos os proxectos, inversións e transportes de mercadorías da lonxa”. Sinala que o peche desta vía conleva que os vehículos pesados non poidan acceder á zona onde se ubica o centro de poxas, “e todos os compradores que queiran continuar na rula malpicán terán que facelo con camións máis pequenos e lixeiros, o que lles ocasionará grandes gastos”.

Por iso, teme que poida supoñer unha fuga de compradores a outros portos da zona, “xa que se esta situación se prolonga moito no tempo, terán que acudir a outras lonxas máis asequibles e rentables para a súa actividade económica”.

E é que, a outra vía de acceso ao dique sur, no que se ubican a lonxa e a fábrica de xeo, non é accesible para camións grandes polo que “se ata agora viñan cun tráiler para levar o peixe, de aquí en diante, mentras no se arranxe este acceso, terán que vir con dous ou tres camións pequenos, o que lles supón triplicar os seus gastos”, sinala Pérez.

Considera que a medida adoptada por Portos “acarreará unhas perdas moi graves ao pósito, aos asociados e aos compradores cada día que pase, e no caso de que a solución se alongue no tempo podería desembocar na perda das vendas da frota do cerco, ao ser o único punto de acceso para que poidan manobrar os tráileres de grande tonelaxe”, sinala.

Ante esta situación, no pósito malpicán pregúntanse “quen se fará cargo das perdas económicas xeradas e dos postos de traballo que se poidan perder, tanto a curto como a longo prazo”. Piden que se busque unha solución para reabrir de forma urxente e inmediata o vial “para que non se produza a ruina e fracase o futuro da confraría”.

A este respecto, o patrón maior lembra que o pósito chegou a ter unha débeda con Portos de Galicia que superaba os 400.000 euros, e que actualmente ronda os 190.000 €, logo de cumprir cos prazos de pago acordados, aboar as taxas en tempo e forma, e estar ao corrente de pago con todas as demais administracións públicas.

Sinala tamén que, dende que a actual directiva da confraría asumiu o mando no ano 2014, “ingresamos nas arcas do referido organismo, entre taxas G4, CIS, E2, E3 e outras portuarias, unha cifra próxima ao millón de euros”.

CRECEMENTO. Neste tempo, a rula de Malpica conqueriu ser “unha das poucas que aumentou as vendas e descargas de produtos pesqueiros a pesar da caída dos prezos provocada pola pandemia do COVID”, conclúe Pérez Martelo. Agardan que este imprevisto non bote por terra todo o traballo feito e os proxectos de futuro.

17 ene 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.