Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
URBANISMO. Artistas de Arxentina, Andalucía, Aragón, Cataluña, Madrid e Ordes participarán na sétima edición do Rexenera Fest // Ampliarán, do 3 ao 13 de xuño, o museo que ten como marco as rúas da capital de Bergantiños TEXTO M. Lavandeira

Pinceis e pintura para encher de arte os muros de Carballo

A arte seguirá transformando muros en Carballo da man do encontro Rexenera Fest, que celebrará a súa sétima edición do 3 ao 13 de xuño e encherá de cor as rúas da capital de Bergantiños. Nesta ocasión, seis artistas chegados de Arxentina, Andalucía, Aragón, Cataluña, Madrid e Ordes deixarán o seu selo noutras tantas paredes para seguir ampliando o museo ao aire libre creado na vila carballesa ao amparo do proxecto Derrubando Muros con Pintura, impulsado no 2013.

“Veciños e visitantes poderán ver en directo como os artistas van transformando o espazo urbano e enchendo de arte os recunchos ocupados por medianeiras, paredes semi abandonadas ou espazos deteriorados pola expansión urbanística incontrolada”, sinalan dende o Concello carballés.

Entre os convidados este ano figura o galego Mou, un creador natural de Ordes que se formou na Escola de Artes Pablo Picasso, da Coruña. É xunto con Sokram, un dos impulsores da escena da arte urbana galega, destacando por ser o organizador e coordinador dos festivais DesOrdes Creativas e o propio Rexenera Fest, de Carballo.

De Madrid virá Marta Lapeña, unha artista soriana afincada na capital de España que despois de graduarse en Arquitectura de Interiores decidiu por vocación entregarse á pintura e a investigación e coñecemento de diferentes técnicas. A súa obra sitúase entre a pintura e o muralismo, a veces materializada en proxectos específicos e outras en propostas máis experimentais, influenciada polos temas sociais que a preocupan.

Ana Langheheldt, coñecida como Lahe178 no ámbito da arte urbana, é outra das convidadas. Artista vocacional desde moi nova, licenciouse en Belas Artes na Universidade de Sevilla, cidade na que reside e traballa, por ser unha urbe que lle aporta a inspiración que precisa. Os seus traballos están a cabalo entre a pintura mural, o arte urbán, o debuxo, a ilustración e a pintura.

Completan o elenco creativo convidado a esta edición de 2021, Harsa, de Aragón; Van Vuu, de Cataluña e o arxentino Franco Fasoli.

Paralelamente ao desenvolvemento do festival, celebraranse diversas actividades, entre as que destacan as visitas guiadas a través das cales se irán desvelando as claves de todos os traballos que se van a desenvolver este ano. Todas as citas terán lugar respectando todas as medidas sanitarias.

EMBELECER A VILA. Todo comezou no 2013 coa iniciativa Derrubando Muros con Pintura, impulsada para mellorar e embelecer a faciana de Carballo pintando paredes, muros, edificios e rexenerando espazos deteriorados. Co paso dos anos, as creacións artísticas conseguiron converter á capital de Bergantiños nun museo ao aire libre con propostas moi variadas e de artistas de todo o mundo que sorprenden a quenes pasean polas súas rúas.

Froito desa creatividae foron “derrubadas” xa máis de medio centenar de superficies no núcleo urbano, o que permitiu ademais situar a Carballo no mapa da arte contemporánea urbana. Un museo vivo e que segue medrando cada ano.

13 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.