Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Ponteceso acollerá o congreso anual de Ensinantes de Ciencias de Galicia

Celebrarase do 17 ao 19 de novembro no IES Eduardo Pondal // Ángel Carracedo, Chisco Lema, Marta Macho e Vidal Romaní pronunciarán as conferencias plenarias

O IES Eduardo Pondal, de Ponteceso, será este ano a sede do XXXV Congreso da Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia (Enciga), que se celebrará os días 17, 18 e 19 de novembro.

Inés García, presidenta da entidade, presentou no propio instituto a programación do congreso que, por vez primeira, contempla catro conferencias plenarias. A primeira terá lugar o día 17 e correrá a cargo de Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal da USC, quen falará sobre Xenes, enfermidades e historia de Galicia, facendo referencia á ataxia da Costa da Morte.

O día 18 o veterinario e naturalista corcubionés Francisco Javier Lema, máis coñecido como Chisco, achegará aos participantes ao mundo do lobo en Galicia e na Costa da Morte, do que é un gran coñecedor e experto. Despois, Marta Macho, profesora da Universidade do País Vasco, impartirá a conferencia Leer y contar. Matemáticas y literatura. Pechará o ciclo de ponencias, o sábado 19, o especialista en Xeoloxía Juan Ramón Vidal Romaní, coa conferencia Isidro Parga Pondal e a xeoloxía de Galicia.

Paralelamente, durante os tres días presentaranse 28 comunicacións e impartiranse 10 obradoiros, todos eles relacionados coas ciencias e a tecnoloxía, e no instituto vanse poder ver exposicións sobre as aves do esteiro do Anllóns e a idade da Terra. Ademais, os participantes poderán visitar os talleres de automoción, e o venres 18 percorrerán distintos espazos de interese dos municipios de Cabana, Laxe, Malpica e Ponteceso. Da coordinación do congreso encargaranse a directora do IES Eduardo Pondal, Teresa Varela, e o profesor Andrés López.

O alcalde de Ponteceso, Lois García, agradeceu a Enciga que escollera Ponteceso para este encontro e afirmou que “nunca tivemos na nosa vila un congreso desta envergadura”. Animou ademais a fomentar as vocacións científicas entre os adolescentes e subliñou que “a promoción da mellora no ensino da ciencia debería estar recoñecida a todos os niveis”.

O congreso conta tamén coa colaboración do Centro de Formación e Recursos e da Fundación Eduardo Pondal, cuxo representante, Xosé María Varela, agradeceu tamén a elección “dunha vila dun concello pequeno” para facer este encontro. Lembrou que a Fundación, a través das súas Aulas Científicas, xunto con instituto pontecesán, veñen traballando conxuntamente no fomento da ciencia entre os escolares e, froito dese labor, dous alumnos do IES Eduardo Pondal, logo de gañar un premio de ámbito nacional, viaxaron ata Suecia para presentar os seus proxectos nun certame internacional.

No acto de presentación tamén participou o tenente de alcalde de Laxe, Francisco Charlín, quen agradeceu a Enciga que contase co Concello laxense para formar parte deste congreso.

06 nov 2022 / 10:58
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.