Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Ponteceso divulgará a figura do navegante cormelán Mourelle de la Rúa

O alcalde asinou un convenio coa Deputación da Coruña para imprimir un libro adicado ao explorador do Pacífico // A iniciativa partiu da Asociación Cultural Insua de Viastela

O alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, vén de asinar un convenio coa Deputación da Coruña para recuperar e divulgar a biografía do ilustre navegante cormelán Mourelle de la Rúa. A iniciativa partiu da Asociación Cultural Insua de Viastela e, froito dese acordo, o organismo provincial imprimirá a obra que dará visibilidade ao explorador do Pacífico.

Tanto o Concello coma Insua de Viastela agradecen “a xenerosidade dos herdeiros de Amancio Landín Carrasco pola cesión dos dereitos de autor desta edición non venal traducida ao galego. A transcrición dos diarios de navegación manterase na rica prosa orixinal de Mourelle de la Rúa”, afirman.

García Carballido e directivos da referida asociación tamén se reuniron coa subdelegada do Goberno, María Rivas, e co coronel Antonio Bernal para que a Armada participe nas iniciativas da homenaxe que foran aprazadas pola pandemia. Solicitáronlle a visita dunha nave da Armada ao porto de Corme con xornada de portas abertas, a participación dalgún historiador militar para dar unha conferencia relacionada coa traxectoria do mariño, e que fose bautizada co seu nome algunha área especial dunha Escola Naval de Galicia.

Fíxose especial fincapé na posibilidade de que o retrato de Mourelle, propiedade do Museo Naval de Madrid, sexa exposto temporalmente no Museo de Arte Contemporaneo da Costa da Morte (MACCMO) en Corme, a localidade natal do laureado navegante.

Actividades culturais

A Asociación Cultura Insua de Viastela está a desenvolver neste mes de xullo un amplo programa de actividades, que comezou coa creación de contidos dixitais sobre Corme, un concerto de Cecilia Burillo e un paseo nocturno polos petróglifos de Corme.

O vindeiro venres, día 15, presentarase no Museo de Arte Contemporáneo o libro Eu son Exeria, de Marisa Vidal, e do 21 ao 23 celebrarase o I Ciclo de Cine Documental X. Manuel Ferreiro. O día 23 Simón Gallego ofrecerá un concerto en Froxán.

Haberá un segundo roteiro polos petróglifos cormeláns o día 29, a partir das 22.00 horas, e visitas guiadas aos muíños de Corme Aldea o día 30 ás 19.00 horas. Ademais, este mércores, día 13, e os días 20 e 27 o Museo de Arte Contemporánea acollerá o ciclo de lecturas e coloquios Mar de Relatos. Todas as sesións darán comezo ás 12.00 horas.

13 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.