Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Primeira xornada de Somos Pandereteiras no Pazo da Cultura de Carballo

Será o domingo, día 19, a partir das 9.30 horas // Haberá conversas e mesas de traballo para reflexionar sobre a situación das tocadoras

A Costa da Morte, territorio cunha estreita e extensa vinculación coa pandeireta e coa tradición oral, acollerá o vindeiro domingo, día 19, a primeira xornada pública Somos Pandeireteiras, un proxecto de pensamento, articulación social e cultural que ten, entre outros obxectivos, transmitir outro imaxinario respecto á representación musical galega.

O Pazo da Cultura de Carballo será o espazo de celebración deste primeiro encontro, que ofrecerá unha serie de conversas e mesas de traballo para reflexionar arredor da situación das tocadoras e comezar a construír, entre todas as asistentes, unha rede que vincule e articule as relacións das pandeireteiras da provincia da Coruña.

A xornada comezará ás 09.30 horas cunha benvida e presentación de Mercedes Peón e do grupo promotor que acompaña á investigadora na iniciativa. De seguido, Peón ofrecerá un relatorio no que exporá a motivación do encontro, o camiño que o grupo percorreu ata a celebración desta xornada e a metodoloxía que se seguirá ao longo da mesma. De seguido, ás 10.30 horas, terá lugar unha conversa interxeracional de tocadoras, conducida pola xornalista e pandeireteira Selina Otero, que contará coa participación de Carmen de Lema, Ermitas do Ánxelo ou Icía Varela.

Logo dun breve descanso, contra ás 12.00 horas, desenvolveranse de xeito paralelo catro mesas de traballo nas que se debaterán, entre outras cuestións, o rol da pandeireta e da voz, a súa representación social ou a propia función social das tocadoras e das pandeireteiras. Todas as conclusións da xornada exporanse publicamente o mesmo día 19 e posteriormente na web www.somospandeireteiras.gal, grazas á colaboración das relatoras, o grupo de catro mulleres vinculadas á palabra que recollerán in situ o imaxinario e perspectivas das participantes. As poetas Ana Romaní, Susana Aris, Andrea Nunes e María Reimóndez conformarán este grupo de observadoras.

Somos Pandeireteiras

Desde hai centos de anos as mulleres galegas tocan, bailan e socializan ao redor dun instrumento ancestral. A pandeireta foi, e segue a ser, testemuña dun xeito de convivencia e relación social único e que todavía persiste no noso territorio a través da festa, do baile, da música e da palabra. Baixo esta premisa, Somos Pandeireteiras activa un proxecto para promover a representación social das pandeireteiras como centro da transmisión cultural galega.

A iniciativa, promovida pola artista multidisciplinar e investigadora Mercedes Peón, agroma como unha proposta colectiva na que tamén participan pandeireteiras da Asociación Cultural Rosalía de Castro (Padrón), Raigañas de Cerqueda (Malpica) e Xirifeiras (Fene). O grupo traballa en común desde o verán de 2021 coa intención de xerar un espazo de encontro que lles permita crear o seu propio relato como tocadoras. Contan co apoio da Deputación, que considera a iniciativa coma un proxecto singular de especial interese para a provincia da Coruña, e coa colaboración do Concello de Carballo como cabeceira de Bergantiños

15 dic 2021 / 22:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.