Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Programan dous obradoiros infantís no Museo de Golmar

O Concello da Laracha organizará dous obradoiros infantís no Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar, que terán lugar os sábados 11 e 18 de setembro, ambos en horario de 10.30 a 13.30 horas e dirixidos a nenos de entre 6 e 12 anos de idade.

O primeiro titúlase Facendo pan. Muíños e cereais. Constará de dúas fases. A divulgativa consistirá nunha visita comentada polo museo para coñecer a historia, xeografía, arquitectura, tradición e economía da época de maior importancia dos muíños de auga, así como o funcionamento dos seus diferentes mecanismos, incluíndo o visionado dun vídeo explicativo. Na fase participativa cada neno amasará e preparará o seu propio pan seguindo a receita que se explicará previamente. A continuación, cocerase no forno da Panadería Antonio, situada xunto ao museo. Finalmente explicaranse as diferentes partes do pan (codia, miolo, corrosco, codela, etc.).

O obradoiro do sábado 18 denomínase Pirámide ecolóxica. Muíños e natureza. Neste caso a metodoloxía será un xogo no que os nenos montarán a estrutura dunha pirámide colocando as diferentes pezas dun xeito que non rompan o equilibrio natural, amosándose como desde a base e ata a cúspide van aparecendo os distintos elementos que conforman a vida. Aproveitarase para repasar como son en galego os nomes dos diferentes animais e plantas.

As inscricións son gratuítas e abriranse mañá. Será preciso cubrir o formulario que estará dispoñible na web municipal ou ben acudir ao Concello para anotarse. O Centro de Interpretación dos Muíños de Auga de Golmar conta co distintivo de centro azul polo seu labor de educación ambiental que se pon de manifesto coa organización deste tipo de obradoiros. Ademais, o museo está aberto ao público os venres o os sábados en horario de 10:00 a 14:00 horas. Tamén poden concertarse visitas de grupos en calquera outra data.

02 sep 2021 / 19:45
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.