Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Realízanse melloras nos centros escolares carballeses cun investimento superior aos 100.000 euros

Actuouse en zonas comúns do CEIP Xesús Luís Romera e nos aseos do polideportivo de A Cristina // A obra máis custosa corresponde ao novo acceso do pavillón do CEIP Fogar cun orzamento duns 53.000 euros

Carballo. Neste primeiro trimestre do curso escolar leváronse a cabo obras de mellora nos colexios Xesús Luís Romera e A Cristina. O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a concelleira de Educación, Mar Eirís, coñeceron de primeira man os resultados en ambos centros nos días previos ao comezo das vacacións de Nadal.

No centro Xesús Luís Romera continuouse estendendo o pavimento de tarima flotante. O ano pasado colocárase nas aulas de infantil, e este curso ampliouse a zonas comúns como a biblioteca e a aula de música. Xunto a este investimento, que acadou os 9.389,60 euros, tamén foi posible atender a demanda da comunidade educativa do CEIP A Cristina para dotar de aseos o polideportivo mediante a construción dunha edificación acaroada con acceso directo dende o pavillón, cun orzamento de 47.876,78 euros.

Por outra banda, xa está operativo o novo acceso ao pavillón do CEIP Fogar tras realizar un investimento de 53.215,80 euros. Neste caso aproveitouse un espazo libre que había entre a edificación e o muro de peche para crear unha nova zona de acceso e vestíbulo, ademais de varios almacéns para uso do centro.

Todas estas actuacións, que entraron en servizo ao longo do trimestre, sumáronse á reforma integral da escola unitaria de Cances, que se executou durante o verán cun orzamento de 17.787 euros e que permitiu que os nenos e nenas estreasen en setembro unha aula totalmente renovada e de maior accesibilidade.

23 dic 2020 / 18:50
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.