Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Relevo xeracional no sector do comercio en Bergantiños

Carballo. O director xeral da Cámara de Comercio, Manuel Galdo, e o concelleiro de Promoción Económica de Carballo e vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, entregaron os diplomas do curso de persoal de tenda e e-commerce dirixido a mozos e mozas inscrito no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

Participaron 26 persoas de varios concellos da contorna, que, ademais de prepararse para poder traballar no sector do comercio, tamén se formaron para abordar a partir de agora a busca activa de traballo. Dous dos alumnos xa atoparon emprego, e tamén é probable que saia algunha iniciativa emprendedora.

Galdo animou á mocidade a “saír a comer o mundo” sen medo a fracasar, eavogou pola formación como o sistema máis eficaz para combater o desemprego, e nese sentido puxo os servizos da Cámara de Comercio a disposición dos mozos e mozas, tanto para formarse coma para informarse sobre as axudas ás que poden optar eles ou as empresas que os contraten. Agora está aberta unha liña de subvencións para empresas de 4.950 euros por cada traballador contratado a tempo completo durante un mínimo de 6 meses.

Ademais animou a tódolos mozos e mozas da área a participar na IX Feira de Emprego que a entidade cameral organizará o vindeiro 17 de xuño en formato virtual, coa esperanza de que no ano 2022 poida volver a ser presencial e en Carballo.

Xosé Regueira, pola súa banda, agradeceu o labor social que desenvolve a Cámara de Comercio, e destacou o potencial que un curso destas características pode ter en Carballo, “onde o comercio é un importante motor económico. Hai moi poucos concellos en Galicia que conseguisen manter ese músculo comercial que nós temos”. Aludiu ao relevo xeracional que se está a producir no comercio e aos novos retos do sector, que, asegurou, “tamén abren un tempo de oportunidades. Por iso é preciso formarse e actualizarse”.

Subliñou ademais que Carballo é terra de emprendedores, e que para que ese potencial poida seguir desenvolvéndose, dende o Concello ponse a disposición dos mozos e mozas o Carballo Coworking, un espazo de traballo colaborativo, de uso gratuíto, no que agora mesmo hai cinco prazas dispoñibles para que poidan nacer e medrar novas empresas. Dito espazo acolle tamén un curso de márketing para emprendedores, promovido desde a Concellería de Promoción Económica e impartido pola axencia carballesa de márketing e deseño web A Meiga. Á sesión inaugural asistiu a responsable da Oficina de Promoción Económica, Paula Lema, que, ademais de dar a benvida ao alumnado á primeira formación presencial deste ano, aproveitou a ocasión para animar aos asistentes a apostar polo emprendemento e o autoemprego para consolidar os seus proxectos e ideas de negocio.

27 may 2021 / 16:37
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.