Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Saen adiante seis niños de píllaras das dunas localizadas no complexo Razo-Baldaio en 2020

Hábitat e Senda Nova traballan un ano máis a prol da protección desta especie

Carballo. O Grupo Naturalista Hábitat e a Asociación Ambiental Senda Nova, de Carballo localizaron 19 niños durante a campaña de seguimento da píllara das dunas realizada o ano pasado no litoral carballés. Nos seis niños que conseguiron saír adiante naceron 17 polos, e, segundo os datos contrastados con Conservación da Natureza, tense constancia de oito polos volantóns procedentes de catro deses niños. Estes datos presentáronse na xuntanza celebrada esta mañá polo Grupo de traballo sobre a píllara das dunas para facer balance da temporada 2020 e deseñar o vindeiro plan de actuación para o 2021.

O ano pasado, Hábitat e Senda Nova realizaron un total de 9 saídas ao complexo Razo-Baldaio. Entre outras propostas, levouse a cabo unha charla online sobre as tarefas de seguimento que se levan a cabo nos areais, e na que se deron a coñecer os datos e os resultados das campañas anteriores, así coma as características e problemáticas da especie.

Como propostas para a conservación da píllara das dunas en Baldaio-Razo, os membros do grupo aluden á importancia de respectar o plan de conservación vixente, que incluso pensan que debería ser obxecto de revisión; de extremar a vixilancia e o control sobre as principais ameazas, entre as que destacaron a presenza de cans soltos nas praias, e tamén de seguir apostando pola limpeza non mecanizada dos areais.

Así mesmo, o grupo de seguimento destacou o importante esforzo de sinalización e información que se vén realizando por parte do Concello de Carballo para que as persoas usuarias das praias e a poboación en xeral coñezan e axuden a protexer este tipo de aves na zona de costa. De feito, Baldaio é un dos poucos espazos que na actualidade conta coa declaración de Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA).

22 mar 2021 / 15:28
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.