Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Sancionan a 18 persoas na Laracha por incumprir as restricións

Os axentes disolveron un grupo dunha ducia de mozos reunidos no paseo fluvial da vila

A Policía Local da Laracha intensificou nos últimos días o control sobre as novas medidas de restricción, e durante a pasada fin de semana os axentes do corpo de seguridade municipal propuxeron para sanción a dezaoito persoas por incumprimentos na vía pública tales como non portar máscara facial, fumar sen manter a distancia de seguridade, exceder o número máximo permitido para os grupos de persoas non convivintes e non cumprir co toque de queda.

O caso que involucrou a un maior número de persoas sucedeu o domingo en torno ás 19:00 horas, cando unha patrulla da Policía Local disolveu un grupo de doce mozos no paseo fluvial do Anllóns tras recibir a chamada dun particular advertindo desa circunstancia.

Tamén foi denunciada unha persoa por consumo de alcohol na vía pública. Ademais, os efectivos da Policía Local exercen desde o venres un labor informativo centrado nos locais de hostalería coa finalidade de aclarar dúbidas sobre as normas específicas vixentes para ese sector cuxo cumprimento será controlado polas diferentes forzas e corpos de seguridade.

A Policía Local lembra que, segundo as medidas preventivas vixentes no momento actual, só se exceptúa a obriga do uso da máscara facial na vía pública ou en espazos ao aire libre no momento do consumo de tabaco, cigarros electrónicos, alimentos e bebidas, e sempre que a persoa o realice parada e fóra dos lugares habituais de circulación ou presenza de viandantes.

Por último, en canto ao labor de control da circulación na rede viaria, foi interceptado na noite do sábado un condutor que arroxou un resultado positivo na proba de detección de consumo de substancias estupefacientes, polo que tamén se iniciou o correspondente expediente sancionador.

02 mar 2021 / 16:12
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.