Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Sanidade e o Concello estudan varias opcións para reforzar as infraestruturas en Carballo

Carballo. O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o conselleiro de Sanidade, Julio García, mantiveron onte unha xuntanza para abordar a mellora e reforzo das infraestruturas sanitarias no municipio.

Dende o Concello aseguran que a ampliación do centro de saúde actual “queda desbotada” e sinalan que “ámbalas dúas partes coincidiron en que o actual edificio está esgotado e non ofrece posibilidades de ampliación. Por iso, dende a Xunta óptase, como se viña reclamando dende o goberno local, pola construción dun novo edificio”.

Non obstante, dende a Xunta sinalan que o conselleiro expuxo ao alcalde a proposta de “incrementar en 1.820 metros cadrados a edificabilidade do actual centro de saúde e proceder á reforma e ampliación do mesmo para a súa transformación nun novo Centro Integral de Saúde para a comarca de Bergantiños”.

Dende o Concello de Carballo aseguran que “porán todo da súa parte para acadar a solución que permita abordar a mellora da sanidade que a poboación necesita”, afirman. Nese sentido, o alcalde, que estivo acompañado polo arquitecto municipal, Alfredo Garrote, entregou á Consellería un informe no que se incluían, dende o punto de vista técnico, tres alternativas de actuación.

Unha era a ampliación, a cal, segundo o Concello, xa foi desbotada pola “necesidade de actuar sobre a totalidade do edificio coa paralización conseguinte da actividade sanitaria durante varios meses, a incidencia negativa sobre as condicións de ventilación e iluminación dos corpos edificatorios existentes e a necesidade de facer importantes reforzos estruturais". A outra era a construción dun novo edificio nunha parcela anexa, o cal defende a Consellería de Sanidade, pero require de modificacións do PXOM, e a terceira é construir o novo centro nunha parcela municipal na rúa María Barbeito.

No caso de optar pola segunda opción, os terreos da contorna do edificio actual están situados nun sector de solo urbanizable pendente de desenvolvemento, e que ademais figura no PXOM como de iniciativa privada. O cambio normativo preciso levaría, no mellor dos escenarios posibles, non menos de dous anos de tramitación, segundo indican dende o Concello. Dende a Consellería de Sanidade, que defende esta opción, argumentouse que, dado o carácter supramunicipal do proxecto, xa que o centro de saúde sería de referencia comarcal, cabería a posibilidade legal de acurtar eses prazos. En todo caso, como indicou o alcalde, esta opción implicaría a adopción dos acordos correspondentes por parte do Consello da Xunta.

Pola súa banda, a parcela de titularidade municipal, de 5.333 metros cadrados, xa conta coa cualificación urbanística e os servizos precisos para acometer esta nova infraestrutura, “polo que a construción podería ser inmediata, xa que no caso de optar por esta alternativa poderíamos adoptar o acordo de cesión xa no pleno deste mes”, indicou o alcalde.

Con este escenario, por parte do Concello de Carballo continuarase a disposición da Xunta de Galicia co obxectivo de axilizar a construción do centro de saúde o máximo posible. Na xuntanza tamén participaron o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; o xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde; a directora xeral de Recursos Económicos do Sergas, María Jesús Piñeiro, e técnicos autonómicos.

25 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.