Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Senda Nova achegará ós rapaces ao patrimonio do seu entorno máis cercano

Vinte e cinco nenos e nenas dos colexios de Carballo participan na décima Escola Ambiental // Continúa o Outono en Marcha

A Escola Ambiental de Senda Nova bota a andar con vinte e cinco nenos e nenas de Primaria dos colexios de Carballo, aos que achegará ao patrimonio que teñen moi preto das súas casas e que “nunha gran maioría dos casos descoñecen a súa existencia e a súa gran importancia”, sinalan dende a asociación.

Ao acto de presentación asistiron máis de medio cento de persoas, entre as que se atopaban varios familiares da rapazada, socios de Senda Nova e o concelleiro carballés de Medio Ambiente, Miguel Vales, entre outros.

Esta escola naceu co fin de achegar o patrimonio cultural, ecolóxico e paisaxístico da comarca de Bergantiños aos máis novos a través de actividades que teñen lugar todos os fins de semana dende novembro ata xuño.

Os nenos e nenas participantes terán a oportunidade de coñecer e adentrarse en lugares de gran interese, como as férvedas de Rus e Entrecruces ou o espazo natural de Razo e Baldaio. Ademais, coñecerán a gran importancia dos ríos e os montes, e poderán percorrer o fascinante bosque autóctono da Ribeira da Pena. Ao longo do curso visitarán tamén asentamentos castrexos, observarán aves na lagoa de Baldaio e participarán en encontros interxeracionais con avós e avoas que lles contarán como traballaban a terra e coidaban dos animais, entre outras moitas cousas de interese.

Por outra banda, Senda Nova porá o peche ao décimo Outono en Marcha percorrendo a Ruta das Férvedas, o vindeiro domingo, día 28. Atrás deixaron as súas pegadas noutros cinco roteiros os camiñantes participando nesta iniciativa que pretende dar a coñecer e concienciar sobre a importancia de conservar e preservar o rico patrimonio da Costa da Morte.

Na última ruta, arredor duns corenta valentes camiñantes seguiron as Pegadas do Wolframio desafiando á xeada. Partiron do peto de ánimas da parroquia de San Breixo de Oza, logo de visitar a igrexa parroquial.

Despois de pasar polo lugar das Torres, fixeron unha parada na casa de Roberto, un dos socios de Senda Nova, quen lles abriu as portas do seu fogar para impartirlles unha charla sobre os conceptos básicos da bioconstrución a través dos cales reformou a súa vivenda. De seguido puxeron rumbo ao monte Neme e, antes de chegar ao cumio, ao pé das antigas casas das minas, recibiron unha clase maxistral sobre o que supuxo este xacemento a nivel histórico na extracción de wolframio e tamén coñeceron as lendas da contorna.

26 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.