Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Solicitan ampliar o servizo e as conexións de autobús cara o polígono de Bértoa

Mobilidade avaliará as propostas dos empresarios // Estudará axustes nas liñas e plantexa habilitar unha lanzadeira interna

A Xunta trasládalles aos empresarios do polígono de Bértoa, en Carballo, o compromiso de avaliar as súas propostas para mellorar os servizos de transporte público cara á área industrial do municipio.

Así o manifestou este mércores o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, durante a reunión que mantivo con representantes do polígono e do Concello carballés, co obxectivo de abordar a posibilidade de realizar axustes nas conexións de autobús coa zona empresarial.

O responsable autonómico solicitoulles información concreta sobre as orixes e os destinos solicitados, así como os horarios suxeridos polos empresarios, de cara a poder avaliar as posibles melloras e axustes nas liñas de transporte público.

A Dirección Xeral de Mobilidade, unha vez que dispoña destes datos, analizará a posibilidade de engadir ou modificar paradas nalgunha das expedicións coa fin de facilitar a mobilidade dos veciños da zona cara ao citado parque empresarial.

Na xuntanza tamén se lle trasladou aos empresarios e ao propio concello a posibilidade de que poñan en marcha un servizo de lanzadeira interna para favorecer o acceso ás paradas e, por conseguinte, ao polígono, que permitiría unha maior flexibilidade nos desprazamentos.

O Goberno galego vén de culminar a implantación do Plan de transporte público de Galicia, que supón a renovación de 3.100 liñas que ofrecen tres millóns de servizos ao mes.

Neste sentido, activáronse recentemente novos contratos coa fin de acadar a modernización e a mellora dos servizos, así como a adaptación das liñas á realidade da Galicia actual.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, durante a tramitación destes novos contratos, mantivo unha liña de diálogo coas administracións locais para atender as súas solicitudes e incorporar aos proxectos aquelas que foran viables.

Non obstante, o director xeral de Mobilidade explicou no encontro deste mércores que a Xunta segue realizando unha análise continua do funcionamento do transporte público interurbano para efectuar os axustes precisos e ofrecer uns servizos eficientes aos cidadáns.

Unha mellora que, de concretarse, complementaría outras actuacións encamiñadas a favorecer a mobilidade e a conexión da capital de Bergantiños co parque empresarial, como a senda peonil que xa está operativa entre Bértoa e a rotonda de acceso, e que se completará con outro itinerario ata o propio polígono.

Infraestruturas que permiten ofrecer alternativas ao uso do automóbil para desprazarse ata unha das áreas empresariais máis dinámicas da provincia.

ESTRADA LARACHA. Por outra banda, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade confirmou que un total de trece empresas presentaron ofertas para executar a mellora do firme en dúas estradas da provincia. Unha delas é a AC-523, nos tramos que discorren polos municipios de A Laracha e Cerceda.

A actuación contempla a rehabilitación integral do firme, e enmarcase no Plan de reforzos impulsado polo Goberno galego coa fin de reforzar a seguridade viaria e a comodidade dos usuarios na condución, asi como contribuír á durabilidade do firme.

27 ene 2021 / 18:27
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.