Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Tendidos de Telefónica a ras de chan e equipamentos moi deteriorados na Laracha

O Concello trasladou xa á compañía o malestar dos veciños e demándalle que acometa as reparacións

A Laracha. O Concello solicitou por escrito á dirección xeral de Teléfonica en Galicia a reparación dos equipamentos da compañía situados no municipio da Laracha “e que se atopan nun deficiente estado de conservación”, aseguran.

Desde o Concello trasladaron á empresa as continuas queixas que comunican os veciños denunciando o mal estado do tendido aéreo en determinadas localizacións, nas que o cableado se atopa a baixa altura ou mesmo a ras de chan. Tamén se fai referencia a unha caixa coa estrutura deteriorada situada na beirarrúa de Bos Aires, xunto ao núcleo urbano da Laracha.

Na solicitude, que se acompañou cunha reportaxe fotográfica dos equipamentos máis deteriorados, explícase “que esta situación supón prexuízos para os veciños residentes nos lugares afectados e tamén pode significar complicacións na circulación de vehículos e mesmo un perigo para os viandantes”, afirman. Unha vez presentada a solicitude, agardan que Teléfonica actúe para reparar os equipamentos e mantelos nun óptimo estado.

Por outra banda, o Concello rematou a execución dos cinco proxectos de mellora da eficiencia enerxética que promoveu co apoio económico do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE).

Substituiron as luminarias por outras LED de última xeración cun dobre obxectivo: reforzar a aposta pola redución das emisións para combater o cambio climático e adelgazar o gasto enerxético sen minorar a calidade do servizo. Nos espazos exteriores os novos equipamentos tamén reducen a contaminación lumínica e, nos interiores, contan con reactancias regulables que permiten diminuír a potencia da iluminación cumprindo cos requirimentos de calidade e confort visual.

As actuacións afectaron ao alumeado público dos núcleos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión (1.397 luminarias), núcleos rurais (2.493), entorno do parque empresarial (283), á renovación da iluminación interior en edificios (Casa do Concello, biblioteca municipal da Laracha e servizos múltiples) e ás instalacións deportivas de titularidade municipal (complexo deportivo municipal da Laracha e pavillóns do IES Agra de Leborís, Paiosaco e Caión).

Os cinco proxectos están valorados nun total próximo aos 1,2 millóns de euros, dos cales o 20% é financiando con fondos municipais. Nos tres que afectan a espazos exteriores e tamén o dos edificios municipais a redución do gasto eléctrico anual estímase nun 65% por cento. Nas instalacións deportivas o aforro será dun 50%.

Isto tamén implicará que o Concello reduza nun 30% a potencia necesaria para prestar o servizo. Estiman que o investimento nestes proxectos estea amortizado nun prazo duns cinco anos. M. Lavandeira

09 ene 2021 / 16:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.