Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Tour pola Costa da Morte de Stanley Whittingham, premio Nobel de Química

Percorreu, na compaña do catedrático baiés da USC, Jorge Mira, Brandomil, O Ézaro, Fisterra, Cee, o castro de Borneiro, o dolmen de Dombate e a vila de Baio

Stanley Whittingham, da Universidade Estatal de Nova York - Binghampton e premio Nobel de Química 2019 pola invención das actuais baterías recargables (as que están en todo tipo de dispositivos móbiles, coches, plantas de almacenamento de enerxía, etc), fixo un amplo percorrido pola Costa da Morte nestes días. Está en Galicia convidado polo Programa ConCiencia e o Colexio Oficial de Químicos de Galicia, na que é a súa primeira visita a Europa trala cerimonia do Nobel.

Amosou interese por coñecer esta franxa atlántica porque “é un lugar que o levou a evocacións familiares, xa que os seus pais vivían a escasos quilómetros do Land’s End, o punto máis occidental de Inglaterra, na rexión de Cornualles, que para os ingleses é un equivalente xeográfico ao que a Costa da Morte supón para España”, afirmou o catedrático de Electromagnetismo da USC, o baiés Jorge Mira, que o acompañou no seu percorrido pola zona.

A primeira parada foi na ponte de Brandomil (Zas), onde visitaron tamén os restos romanos da vila. Continuaron polo Ézaro (Dumbría), para ver a fervenza e o mirador. “Amosouse moi interesado na alta concentración de produción eléctrica da zona, así como do elevado potencial eólico da Costa da Morte -el dirixe o centro de almacenamento de enerxía do noroeste dos EE.UU., no estado de Nova York, con máximo apoio institucional do goberno federal dese país-”, subliñou Jorge Mira.

Despois visitaron Fisterra, onde lle chamou a atención a praza Stephen Hawking e todo o simbolismo do lugar dende a época romana e a súa vinculación coa posta do sol. De camiño, fixeron unha parada no IES Fernando Blanco de Cee.

Na comarca de Bergantiños visitaron o castro de Borneiro, “do que destacou o aspecto virxe da contorna e o vigor e saúde da contorna natural de árbores”, e o dolmen de Dombate, “no que estivemos falando dos paralelismos dos restos megalíticos do arco atlántico dende Galicia ata Bretaña e as illas británicas”, indicou o físico baiés. No museo do dolmen tamén estiveron un tempo diante dos mapas “falando de aspectos de arqueoastronomía, sobre todo no que atinxe á orientación solar dos megalitos, algo relevante en varias mostras do megalitismo británico, como en Stonehenge”, engadiu.

Remataron o percorrido pola Costa da Morte en Baio (Zas), a terra natal do catedrático, onde deron un paseo pola carballeira, recentemente incluída no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galici. Ttamén lle amosou a nova praza da vila, bautizada como a Praza Jorge Mira.

Stanley Whittingham levou consigo abundante información porque valora vir no futuro para enseñarlle o lugar á súa familia. A súa muller é profesora tamén da Universidade Estatal de Nova York, na área de Literatura latinoamericana.

20 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.