Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Transforman varias rúas de Carballo para uso lúdico esta fin de semana

Convidan aos nenos e nenas a converterse en protagonistas cos seus patíns, bicis e buxainas

Carballo. A concellería de Mobilidade de Carballo quere propiciar o uso lúdico, e tamén cívico, do espazo público entre a cidadanía e, con ese obxectivo, esta fin de semana celebraranse as primeiras actividades dirixidas a distintos sectores da poboación.

Para facilitar o desenvolvemento das actividades pecharanse ao tráfico varias rúas na contorna da Praza do Concello. En concreto, o sábado, a partir das 16.00 horas, e o domingo, de 10.00 a 20.00 horas, estará limitada a circulación de vehículos polas rúas Valle-Inclán, Concepción Arenal e Cervantes. Só se permitirá o paso dos usuarios dos garaxes e, en concreto, o acceso ao que está situado na rúa Valle-Inclán realizarase pola rúa Concepción Arenal.

O peche das rúas vai acompañado dun convite ás familias para que animen aos nenos e nenas a converterse en protagonistas das rúas cos seus patíns, monopatíns, bicicletas, balóns, buxainas e todo tipo de xoguetes.

Para o sábado pola tarde, a partir das 18.00 horas, está programada unha acción de rúa que persegue fomentar a conciencia cívica da cidadanía con respecto a un problema cotián que afecta, fundamentalmente, aos peóns: os excrementos dos cans.

E para iso contarán coa axuda de Dino, un can de globos biodegradables de dous metros de altura, que paseará polas rúas carballesas moi ben acompañado para amosar a importancia de utilizar correa ou de recoller os excrementos para que non haxa “máis minas polas rúas”, sinala o Concello. M. LAVANDEIRA

29 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.