Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Últimos pasos no procedemento de expropiación de terreos para a ampliación do centro larachés CEIP Otero Pedrayo

O 8 e 9 de abril son as datas fixadas pola Xunta de Goberno Local para proceder ao pagamento e ao levantamento das actas previas á ocupación

A Laracha. Os días 8 e 9 de abril citarase aos actuais propietarios dos terreos afectados pola primeira fase de ampliación dos equipamentos do CEIP Otero Pedrayo para proceder ao pagamento da expropiación e ao correspondente levantamento das actas previas á ocupación, dándose así por concluído o procedemento. Estas datas acordáronse hoxe na sesión ordinaria da Xunta de Goberno local.

O Concello inviste 43.7078,96 euros na adquisición dos 2.696 metros cadrados de superficie –repartidos en catorce parcelas- que están afectados polo proxecto de mellora dos accesos cara o centro de ensino e reforzamento da seguridade viaria na zona. Consiste na ampliación da estrada entre Bos Aires e As Calzadas, dando continuidade á mellora da vía -xa realizada- entre O Pereiro e As Calzadas. O ancheamento da plataforma da estrada permitirá dispoñer de máis espazo para facilitar a circulación en ambos sentidos –especialmente importante para os autobuses do transporte escolar-, habilitar prazas de estacionamento e crear unha senda peonil para reforzar a seguridade tamén das persoas que acoden a pé ao centro de ensino e ás súas inmediacións.

O proxecto está valorado en 245.000 euros, que xa están consignados nos orzamentos e que proceden integramente de fondos propios municipais. De xeito simultáneo, o Concello licitará nos vindeiros días o proxecto co propósito de avanzar no procedemento de contratación e poder iniciar as obras á maior brevidade unha vez se dispoña dos terreos afectados polas mesmas.

CONTRATACIÓN DE PERSOAL. A Xunta de Goberno Local acordou solicitar a participación do Concello en diferentes programas convocados por outras administracións dirixidos á contratación de persoal. Por unha banda, solicítase á Consellería de Emprego e Igualdade unha achega para a contratación dun técnico en orientación laboral por un período de doce meses. Ademais, a subvención solicitada á Consellería de Cultura, Educación e Universidade ten por finalidade contratar durante catro meses un técnico especialista en arquivos e patrimonio documental. No referente ao programa da Deputación da Coruña para limpeza de praias marítimas, preséntase unha solicitude para contratar nove persoas durante un período de tres meses para prestar servizo no areal de Caión ao longo da temporada estival.

04 mar 2021 / 19:55
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.