Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Xunta emite un informe medioambiental favorable para que a autovía da Ramallosa chegue ata A Estrada

A ESTRADA. A Xunta de Galicia acaba de informar favorablemente desde o punto de vista medioambiental ao proxecto de construción do treito A Ramallosa (Teo), enlace PO-841, pertencente á autovía AG-59. Así se recolle no anuncio publicado este martes no Diario Oficial de Galicia, no que se informa da declaración de impacto ambiental emitida ao respecto pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático. Trátase dun tramo de 7,5 quilómetros integrado por un total de quince estruturas correspondentes a tres

viaductos –un deles sobre o río Ulla–; sete pasos inferiores; tres superiores; dous muros e dezaseis drenaxes transversais. O obxectivo desta actuación é darlle continuidade ao trazado entre a AP-53 e A Ramallosa, actualmente en servizo, para conectar tamén por autovía os concellos de Teo e A Estrada. Así, unha vez analizada a actualización do proxecto construtivo deste treito e considerando que as alegacións presentadas e os informes emitidos polos órganos sectoriais foron tidas en conta na súa redacción, o departamento autonómico emite declaración de impacto ambiental favorable na que se inclúen unha serie de condicionados para garantir a mínima afección da infraestrutura aos valores do medio e a protección dos elementos patrimoniais presentes na contorna. Con esta resolución, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pon fin á tramitación ambiental do proxecto construtivo, unha decisión que tamén lle foi trasladada á Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), como organismo promotor, para que poida continuar cos trámites necesarios para a súa execución. O Concello da Estrada leva demandando desde hai xa anos a ampliación da autovía para contar cunha conexión directa con Santiago e que aporte unha maior seguridade vial ós condutores, ó tempo que acorta os tempos de viaxe coa capital galega. m.b.

10 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.