Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Ocionautas realiza o segundo traballo do proxecto Murais da Nosa Lingua adicado a Virxinia Pereira, a gran muller á sombra de seu marido: Castelao TEXTO Sol Elvira

Cultura urbana e literaria van da man na Estrada

Virxinia Pereira, a gran muller á sombra do seu marido, Castelao, é a protagonista do segundo traballo do proxecto Murais da Nosa Lingua. Trátase dunha iniciativa apoiada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude coa colaboración do Concello, e promovida polo colectivo Ocionautas La Estación, na que as culturas urbana e literaria danse a mán e que está a encher de cor e grafitis de artistas galegos algúns dos muros da Estrada. Ocionautas elixiu unha data moi sinalada para a inauguración deste traballo: o sete de xaneiro de 2021, no que se cumpría o 71 aniversario do pasamento do insigne escritor galeguista.

Murais da Nosa Lingua é un proxecto que busca dar visibilidade e poñer en valor o patrimonio literario da Estrada a través de grafitis inspirados nos estradenses que deixaron a súa pegada nas letras galegas.

Así, os traballos “queren renderlle tributo e concederlle espazos propios de visibilización aos estradenses máis universais da literatura escrita na nosa lingua”, segundo destacou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen felicitou ao colectivo Ocionautas pola iniciativa no acto de inauguración do primeiro traballo.

O proxecto, promovido e desenvolto por Ocionautas, inclúe unha serie de grafitis urbanos de gran dimensión en edificios emprazados no casco urbano. O primeiro deles está dedicado aos irmáns Marcial e Avelina Valladares e ao dramaturgo Manuel Varela Buxán, e loce xa no muro exterior da Casa das Letras. Enrique Martínez é o seu autor e o muro pintado ten uns trinta metros cadrados de superficie.

Foi inaugurado coa presencia do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel; e o edil estradense de Cultura, Juan Constenla, que felicitaron ao colectivo pola súa iniciativa. No seu discurso, Pichel sinalou “a importancia de adaptar un dos rexistros propios da mocidade, como son os grafitis, para este fin, e de conxugar creatividade, modernidade e tradición para homenaxear a clásicos estradenses do sistema literario galego e facer partícipes aos mozos da súa contribución á cultura do país”.

O segundo ten como anfitrioa a Virxinia Pereira, esposa de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, e é obra do grafiteiro de Sanxenxo Enrique del Grao. “Pensamos nela porque é esa gran muller que está sempre detrás dun gran home. Se non fora polo seu apoio posiblemente Castelao tampouco fixera o que fixo. O seu papel tamén foi importante na defensa da lingua e a cultura galega, e iso é o que queremos reflexar”, explica Ani Sánchez, secretaria de Ocionautas. O mural pódese contemplar na coñecida como Zona dos Viños da citada localidade pontevedresa.

E o terceiro será en homenaxe a Manuel García Barros e ocupará un dos laterais do Teatro Principal.

Sinalar que a iniciativa amosa e consolida a localidade pontevedresa como unha das vilas literarias galegas máis comprometidas coa promoción do idioma e da cultura de Galicia, sumando esta acción de promoción da lingua ilustrada en grafiti urbano aos recoñecidos certames literarios que organizan e distinguen obras e creadores no ámbito das letras, como son o Premio de Novela Manuel García Barros, o Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela, o Premio de Poesía Avelina Valladares ou o Premio de Teatro Varela Buxán.

10 ene 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.