Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Esta flor foi plantada no ano 2016 no Xardín Botánico da vila, recoñecido como Ben de Interese Cultural // A Estación Fitopatolóxica de Areeiro encargouse da proposta // É de gran tamaño e cun período de floración tardío TEXTO C. Estévez

Engaden a Camelia Reticulada Caldas ó Rexistro Internacional

A Camelia Reticulada Caldas xa forma parte do Rexistro Internacional da Camelia. Así llo vén de comunicar esta semana ao Concello a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, da Deputación de Pontevedra. Esta especie foi prantada no ano 2016 no Xardín Botánico do municipio en memoria do científico ilustrado Francisco José de Caldas e prócer da independencia de Colombia (1768-1816), nomeado fillo adoptivo da vila termal onde posúe as súas raíces.

Complétase deste modo un longo proceso de recoñecemento da nova camelia, que coordina desde China para todos os países do mundo o profesor Wang Zhonglang, da Universidad de Kunming. A nova flor foi obtida pola veciña de Cuntis Leonor Magariños a partir de semente da camelia reticulata Lasca Beauty, e foi proposta para o seu rexistro pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro, que está dirixida pola doutora en Bioloxía Vexetal Carmen Salinero.

Xa foi publicada unha primeira descrición polo equipo de Areeiro na revista da Sociedad Española de la Camelia, onde aparece definida como de flor moi grande, duns 15 centímetros de diámetro, de cor rosa claro brillante, de forma semidoble e con ata unha vintena de pétalos. Os estambres están dispostos de forma tubular con filamentos de cor crema. As follas tamén son grandes, de ata 17 centímetros de longo, de cor verde escuro e forma elíptica-lanceolada. Ten un período de floración tardío, que remata en abril.

O concelleiro de Medio Ambiente e deputado provincial delegado da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Manuel González, celebra este recoñecemento internacional “que sitúa a Caldas de Reis no mapa mundial das camelias”, e da as grazas á súa creadora, Leonor Magariños, e tamén felicita o traballo realizado polo equipo técnico da Estación para obter esta inscrición no Rexistro Internacional.

Pola súa parte o alcalde do concello, o socialista Juan Manuel Rey, está encantado de que a figura universal do botánico, xeógráfo e astrónomo Francisco José de Caldas teña este recoñecemento científico no mundo das camelias, e recorda que a súa plantación no Xardín Botánico da vila, con motivo do bicentenario da súa morte, contou coa participación de representantes da Academia Colombiana de Ciencias e da Universidad Francisco José de Caldas de Bogotá e da Universidad de Cali.

O rexedor lembra que “seguimos a colaborar con moitas institucións colombianas, promovendo intercambios culturais, económicos e sociais”, e para a vila “é un orgullo que o Sabio Caldas sexa unha figura tan importante na historia de Colombia e na ciencia universal”, explica.

XARDÍN O Xardín Botánico de Caldas, espazo no que se plantou esta flor agora recoñecida polo Rexistro Internacional, é orixinario do século XIX e está ligado á cultura termal de Caldas de Reis. Alberga especies dos cinco continentes e posúe indicacións botánicas sobre as mesmas. Xunto ao xardín, atópase a súa popular carballeira, que alberga exemplares de roble dispostos linealmente en dirección perpendicular ao río. Goza de máis de 23.000 metros cadrados de superficie, ao longo dos cales se poden descubrir robles centenarios de grande altura. Tanto a carballeira como o xardín locais son Bens de Interese Cultural, e aparte do seu contido natural, teñen o valor de servir de espazo de encontro de diversos actos ao longo do ano, como son as festas patronais e o festival de música Cultura Quente e Kaldarte. Alberga asemade o Premio Gran de Área 2012 do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

20 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.