Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O polígono de A Ran de Cuntis interesa a grandes empresas

Concello e Zona Franca traballan dende hai meses na instalación dunha firma do aluminio

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, anunciou o compromiso dunha importante empresa do sector do aluminio por instalarse na área industrial de A Ran. O rexedor sinala que dende o Concello e a Zona Franca “levamos meses traballando para que esta firma dea o paso de iniciar a súa actividade no parque empresarial”. Segundo informa, o investimento previsto pola industria para instalarse en Cuntis é duns 15 millóns de euros, cunha ocupación aproximada de solo de 36.000 metros cadrados.

Desde Suelo Empresarial del Atlántico, a súa xerente, Beatriz Sestayo, explicou que a entidade, dependente do Ministerio de Transportes, está a traballar de xeito intenso no estudo de viabilidade coa mellor das vontades, sempre que os custos que resulten do estudo sexan asumibles para a sociedade pública. Esta análise está practicamente concluída e a piques de ser entregada.

O alcalde fai fincapé no apoio recibido neste proceso dende o primeiro momento por parte da Zona Franca e do seu xerente David Regades. “Quero agradecerlle á ZonaFranca o esforzo que está realizando e as xestións efectuadas xunto co Concello e Suelo Empresarial del Atlántico (SEA) para que esta industria se instale brindándolle o apoio económico financeiro necesario”. “Para o Concello de Cuntis”, engade Manuel Campos, “este investimento suporá un antes e un despois no proceso de desenvolvemento industrial”, pero o rexedor xa avanza que hai interese por parte de máis empresas para asentarse en A Ran. “Xa hai outras 5 empresas que tramitaron o seu documento de reserva inicial de chan industrial e, polo tanto, case o 50 % da superficie desta fase 1 podería estar pronto ocupada”.

Campos lembra que o Concello leva tempo traballando no impulso do parque industrial con Suelo Empresarial del Atlántico (SEA) -dependente do Ministerio de Transportes a través de Sepes- para o desenvolvemento da primeira fase do polígono que considera “vital para que este tipo de empresas poidan asentarse en Cuntis”. Este proxecto conta cunha superficie de 325.635 metros cadrados na que se prevé unha inversión aproximada por parte do Concello de 5 millóns de euros entre expropiacións e custos de urbanización. A esta cantidade hai que sumarlle os 15 millóns previstos pola empresa, o que significa un investimento duns 20 millóns, unha cantidade moi importante para Cuntis.

Esta semana, a xerente e técnicos de SEA volveron manter unha reunión telemática co alcalde para avanzar no estudo de viabilidade, posto que o obxectivo é avaliar de xeito preciso os custos e posibilidades de execución desta área industrial. Por este motivo, SEA ten encargado un estudo de viabilidade que se dará a coñecer en breve.

23 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.