Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Pontecesures presume de itinerario peonil seguro

Grazas á Deputación reordenáronse as rúas Castro e da Infesta // Forman parte do Camiño de Santiago ao seu paso por Ullán

O Camiño de Santiago ao seu paso polo centro urbano de Pontecesures transformouse nun espazo seguro grazas ás obras financiadas pola Deputación de Pontevedra nas rúas do Castro e da Infesta, actuación enmarcada dentro do plan provincial DepoRemse. Os traballos foron adxudicados por 187.968 euros e onte foron visitados polos deputados de Cooperación e Infraestruturas, Santos Héctor e Gregorio Agís, acompañados do alcalde, Juan Manuel Vidal, así como da concelleira de Cultura, o de Obras e o arquitecto municipal.

Ambas rúas, de case 1,5 quilómetros, forman parte do trazado do Camiño ao paso pola vila do Ullán e “presentan unha forte densidade de poboación”, sinalan dende o ente provincial. Ademais dos seus valores patrimoniais e urbanísticos, acollen importantes dotacións públicas, como no caso da rúa Infesta, onde se sitúa o pavillón municipal de deportes e o colexio público de Pontecesures, onde están matriculados 360 escolares. Trátase dunha actuación que tanto Santos Héctor como Agís cualificaron de “completamente satisfactoria, que cumpre cos obxectivos marcados, contendo o tráfico, protexendo ao peón e resaltando o patrimonio do Camiño de Santiago”.

Os deputados felicitaron ao Concello por ter elaborado este proxecto e polo resultado final e manifestaron o orgullo da Deputación por colaborar “nas transformacións urbanas a escala humana, como é esta, iniciativas que encaixan nun modelo que apoiamos e defendemos”. O alcalde, Juan Manuel Vidal, suliñou que é de agradecer o papel que está a xogar a Deputación, “por cumprir tan ben o labor de apoio aos concellos pequenos, facendo posibles obras que doutro xeito serían inviables”, explicou.

A reforma das rúas do Castro e da Infesta deseña un ámbito de prioridade peonil cun pavimento continuo de formigón coloreado con bandas de granito. Os camiños contan agora con sinalización axeitada, regulando adecuadamente tanto a circulación rodada como o aparcamento. Ademais, a actuación serviu para renovar todos os servizos de saneamento, abastecemento e pluviais e creou unha canalización de reserva para futuros servizos.

A contorna tamén quedou dotada de bancos, árbores e xardineiras. Con esta actuación, apuntan dende a Deputación, quedaron solucionados os problemas que existían nas dúas rúas, derivados da sección irregular, delimitada polas vivendas e a discontinuidade no deseño dos pavimentos.

22 oct 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.