Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Valga demostra os usos culinarios da augardente do país

O mes de agosto en Valga é sinónimo de gastronomía e quedou demostrado unha vez máis no showcooking A caña no prato, que contou cunha trintena de asistentes. O equipo de Indo e Vindo Gastronomía amosou como a augardente do país tamén pode tomarse integrada en múltiples receitas e combinada cos ingredientes máis variados.

Rocío Garrido, Coque Fariña e Fran Jamardo ofreceron unha demostración culinaria en vivo na que elaboraron unha ensalada, un peixe, unha carne e unha sobremesa; un menú completo no que empregaron as diferentes variedades de caña (branca, tostada e de herbas), introducíndoas nos pratos de diferente maneira.

No caso da ensalada de gambón e polbo, a caña tostada reducida formaba parte da vinagreta. No segundo prato, bonito de Burela con alga wakame, empregouse caña de herbas para o selado do peixe na tixola.

O terceiro prato que se degustou foi tenreira galega con pexegos, incorporando ao guiso caña branca en substitución do viño ou da cervexa, que son máis habituais na cociña. Por último, a sobremesa foi unha torta de queixo con marmelada de nectarina, en cuxa elaboración se empregou augardente tostada.

Os chefs xogaron coas cantidades de caña e con onde a introducían co obxectivo de que os comensais puideran percibir a súa presenza nos pratos pero sen eclipsar ao resto de produtos e sabores.

As elaboracións maridáronse cun viño da IXP Terra de Barbanza e Iria da adega local Torres Augusti e un espumoso de La Fabulosa.

Este foi o segundo dos catro showcookings que se programaron no marco do Agosto Gastronómico. A vindeira actividade, Moito máis que caña, terá lugar o domingo 21 ás 13.00 horas e nela María Rey elaborará diferentes cócteles con caña.

Por último, o vindeiro mércores, día 24 ás 21.00, será a quenda da anguía na última demostración de cociña desta edición da festa de Valga.

19 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.