Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Valga traballa xa nunha edición especial do Belén artesanal en movemento

Este ano celebran o 25 aniversario da singular construción e preparan sorpresas // A covid-19 impedirá as visitas masivas

A asociación Amigos do Belén de Valga traballa xa nunha nova edición do Belén Artesanal en Movemento, unha edición especial e que xa cualifican de histórica e non por mor da pandemia, senón porque neste Nadal de 2020 a singular construcción cumpre 25 anos.

A pesar dos protocolos que impón a crise sanitaria, os membros de asociación traballan con idéntica ilusión. Os traballos de preparación e montaxe comezaron a mediados de outubro e, polo de agora, “todo vai moito mellor do que esperabamos. Está a ser coma unha edición normal e nós estamos a vivilo coas mesmas gañas e ilusión ca sempre”, apunta a presidenta da asociación, Mari Carmen Castiñeiras. Debido á covid, instalaron mamparas de plástico para separar o espazo no que traballa cada persoa, o equipo está repartido en diferentes estancias e departamentos e o local está permanentemente ventilado.

Polo demais, o proceso a seguir ao principio foi o habitual: desmontaxe do Belén do pasado ano, plantexamento das novidades a incorporar ao novo deseño e creación artesanal das figuras, edificacións e escenas que se incorporarán ao nacemento. En paralelo, varias persoas xa traballan tamén na montaxe da nova composición, que en pouco ou nada se asemellará á anterior, a do pasado ano.

O Belén Artesanal inaugurarase o primeiro domingo de decembro, día 6, e permanecerá aberto ao público ata o 10 de xaneiro, sempre que a situación sanitaria o permita. Non haberá este ano grandes aglomeracións, serán visitas reducidas e, principalmente, de familias ao non ser posible a organización de excursións. Será aí onde máis se noten as consecuencias da pandemia, tendo en conta que nos últimos anos as visitas ao Belén superaron as 40.000, algo imposible nestas circunstancias que obrigan a extremar as medidas hixiénicas e a distancia de seguridade.

Do que non cabe dúbida é de que será unha edición que “quedará para a historia”, di Mari Carmen Castiñeiras. “Chegar aos 25 anos é un orgullo. Lembrando as primeiras edicións, non se parecían e nada ao que facemos agora. A evolución foi inmensa e a valoración, totalmente positiva”, subliña.

19 nov 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.