Cogami conta cun posto de venda na feira da Bandeira
Silleda. O Concello de Silleda e a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) continúan a súa colaboración a través dun convenio para o que o Centro de Recursos que a entidade posúe en Medelo, na parroquia de Manduas, poida poñer un posto de venda os días 14 e 29 na feira da Bandeira. Deste xeito, o persoal do centro, que conta con 26 usuarios, pode vender neste mercado tradicional os produtos artesanais que se elaboran nos seus obradoiros.
“Con este novo acordo continuamos a apoiar a importante labor que Cogami vén realizando neste centro”, indicou o alcalde, Manuel Cuiña, quen asinou o convenio acompañado das concelleiras de Igualdade e Benestar, Ángela Troitiño, e de Comercio, Pili Peón. Pola súa banda, Iván García, director do CDR Medelo, agradeceu esta nova colaboración do Concello de Silleda, que permitirá á entidade seguir avanzando na súa labor no eido da inserción social e laboral das persoas con discapacidade.
Con esta iniciativa contribúese ademais a que as persoas usuarias do centro melloren a súa interacción coa contorna e a sociedade en xeral. En Medelo realízanse obradoiros de manualidades de cociña, traballos con mimbre, coiro, barro, madeiras, teares, etc., que contribúen a potenciar a formación e e autoestima das persoas usuarias do citado centro.
Deste xeito, Cogami estreouse xa o pasado sábado 14 na feira da Bandeira. arca