Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Deza comeza a recuperar a nova normalidade con disensións, tras o cese das restricións en Lalín e Silleda

O doente silledense de 50 anos que permanecía na uci, atópase xa en pranta // Discrepancias en canto aos parques infantís: Lalín non os reabrirá mentres que Silleda si

Despois de dúas semanas cunhas restricións que funcionaron de bó grao e lograron frear os índices epidemiolóxicos de Silleda e Lalín, ambos concellos dezáns comezan a recuperar a partires de hoxe a nova normalidade despois de que o comité clínico da Xunta, decidira onte cesar as restricións á vista da evidente melloría dos datos.

Dende Lalín, a concelleira de Sanidade e coordinadora da Comisión Municipal do COVID19, Eva Montoto, valorou positivamente a retirada das medidas de restrición que se lle aplicaban a Lalín, debido ao que “tamén se aplicará o levantamento de algunhas das medidas de ámbito municipal que se adoptaron na semana previa ás festas de Lalín como medida de contención dos rebrotes da pandemia”. Unha decisión, sobre as medidas que se levantarán, que “xa se adoptou na última reunión da comisión condicionadas ao levantamento das medidas restritivas por parte da Xunta de Galicia”.

En función do novo escenario e cos casos activos na fronteira dos 30, que arroxaría un ratio de 150 casos por cada 100.000 habitantes, o goberno municipal co asesoramento da Comisión Municipal do covid19 decidiu manter pechados os parques infantís, ao ser un entorno no que se romperían as burbullas sociais que se crean nos centros educativos, pero retornará á actividade presencial da Biblioteca Varela Jácome. Deste xeito, dende o luns, as instalacións municipais da biblioteca volverán quedar abertas ao público, para lectura e estudio, coas restricións de espazos e distanciamento social requirido polas medidas da nova normalidade.

Tamén recupera a normalidade a Feira do 3 que se celebrará baixo o mesmo formato que as que se viñan celebrando na nova normalidade -a única con restricións foi a do 18 de setembro- repartida por varias rúas e cunha distancia entre postos e social acorde ás medidas recomendadas polas autoridades sanitarias, podendo participar a totalidade dos postos abonados a dita celebración feiral.

As desinfeccións en centros educativos de Infantil, Primaria e Secundaria manteranse esta semana con carácter diario e na vindeira semana, tal e como se quedou cos directores, pasarán a ser cada dous días, ou sexa, tres días cada semana. No caso das rúas do casco, reducirase tamén a frecuencia para adaptala a un escenario de redución de casos de COVID19. No caso dos locais sociais, levantase o límite máximo de 10 persoas por actividade como medida de contención da propagación do virus, polo que as restricións limítanse ao cumprimento das distancias sociais e das recomendacións sanitarias .

Ao tempo, e ca notable redución de casos, a vindeira semana e sucesivas retomaranse as actividades culturais e sociais coas mesmas medidas de precaución que se celebraron as últimas semanas, mantendo os estandares de seguridade sanitaria máis altos para evitar contaxios.

Por outra banda, o Lalín Arena deixa de operar dende o luns con citas previas, abrindo ás 07:30 horas e pechando ás 22:30 horas, e con funcionamento habitual da instalación na nova normalidade.

Montoto non se esqueceu de pedir tanto a veciños coma visitantes que manteñan o máximo respecto e rigor no seguimento das medidas sanitarias para evitar que a relaxación poida conducir a unha nova fase de restricións e con elo trastornos importantes para veciños, profesionais e negocios.

Pola súa banda, dende Silleda Manuel Cuíña mantivo unha xuntanza telemática esta mañán cos responsables da área sanitaria de Santiago. Onde lle informaron que a día de hoxe o número de casos activos no municipio é de 10. Ademais tamén se deu conta “dunha boa noticia, xa que o veciño de 50 anos que levaba varias semanas na UCI pasou xa a planta, algo do que nos alegramos moito e ao que lle desexamos unha pronta recuperación”, engade o rexedor.

Do mesmo xeito que no seu concello veciño, as restriccións que dictou o concello de Silleda con anterioridade á entrada en vigor das autonómicas, comezarán a levantarse de xeito progresivo.

Así, os parques infantis – de xeito contrario que en Lalín– reabriránse ao público o vindeiro luns, ao igual que as instalacións deportivas (para as que se conta xa cun protocolo de uso específico) e os centros sociais do rural.

“Temos que ir a modo, con moita precaución e coidado para non dar un paso atrás”, indicaba o alcalde, Manuel Cuiña esta mañá. Neste senso, o rexedor lembroou que o Concello xa dispón dun protocolo para a utilización de instalacións tanto culturais como deportivas, que se facilitará a todas as persoas usuarias nos vindeiros días a través da páxina web municipal.

Do mesmo xeito, as actividades culturais que estaban aprazadas dende o pasado día 16, cando entraron en vigor as restriccións da Xunta de Galicia, retomanse a partir da vindeira semana, coas medidas de seguridade e hixiene pertinentes. Así, será preciso reservar para asistir a estas.

En canto ás escolas deportivas, o inicio veuse retrasando á espera da evolución dos casos no municipio e da situación nos centros escolares, tendo en conta que a maioría dos participantes son menores de idade.

Neste senso, nos últimos días celebráronse varias reunión para avaliar a súa celebración. Decidiuse abrir tamén a partir da vindeira semana un prazo de preisncripción, só nalgunhas das actividades (valorouse a celebración en función das características propias de cada disciplina).

Nas próximas horas darase a coñecer ao público o listado de escolas deportivas para as que se abre a inscrición, e que se rexerán por un protocolo de actuación con cuestións específicas para cada caso.

01 oct 2020 / 16:26
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.