Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Educar e combatir en liña o discurso do odio na rede social

Rapazada de Silleda, Ames e Brión participou onte nun ‘hackaton’ do proxecto EpDLab

Educar a través de internet para combatir as malas prácticas que se realizan baixo o escudo da propia rede social. Esta é a iniciativa que onte desenvolveron un cento de rapaces e rapazas de toda Galicia que participaron nun hackaton en liña para combater o discurso de odio nos medios e nas redes sociais. A actividade pertence ao proxecto de innovación educativa EpDLab, que desenvolve dende hai seis anos a ONGD Agareso co financiamento de Cooperación Galega e no que este curso participa alumnado de 2º da ESO do IES Pintor Colmeiro de Silleda, xunto coa rapazada de Ames, Brión, Bueu e Viana do Bolo.

Un hackaton é unha maratón hacker, un encontro de traballo intensivo no que un grupo de persoas se coordina para solucionar un problema nun breve lapso de tempo. En anos anteriores celebrouse en Silleda, pero este curso ten que trasladarse á rede para sortear os riscos que suporía durante a pandemia xuntar rapazada de distintos centros de Galicia nun mesmo espazo. O obxectivo é que os participantes coñezan alumnado doutros lugares e colaboren na elaboración dunha campaña de comunicación conxunta contra o discurso de odio. Para facelo, ten que reflexionar sobre a importancia que ten a subxectividade na lectura que facemos cada unha e cada un de nós dos contidos que recibimos a través dos medios e das redes sociais, o que lles leva a descubrir os mecanismos que favorecen o espallamento dos estereotipos e bulos e a aprender a desmontar o discurso de odio que sofren as persoas migrantes ou outros colectivos, segundo explican os organizdores.

Algunhas das claves coas que traballaron onte foron a empatía e aprender a poñerse no lugar doutras persoas; evitar o uso de etiquetas ou estereotipos ao falar desas outras persoas que pertencen a outros países, culturas ou razas; desmentir bulos e denunciar os contidos racistas que vemos nas redes e reivindicar que todos os seres humanos debemos ter os mesmos dereitos. Para facelo, a raparzada emprega a súa creatividade e o seu coñecemento das tecnoloxías da comunicación e das redes sociais para elaborar memes e vídeos contra o discurso de odio.

EpDLab é un proxecto educativo que xorde a partir da reflexión colectiva de varios grupos da ESO en Galicia, máis outros en El Salvador e República Dominicana. O alumnado traballa durante todo o curso con ferramentas TIC para crear e difundir na rede contidos ao redor da igualdade de dereitos, da participación responsable e da xustiza social, apropiándose dos medios que teñen nas súas mans para participar en accións innovadoras cara á comunicación inclusiva, o desenvolvemento social e á denuncia da desigualdade. O EpDLab está deseñado e desenvolvido polo equipo técnico de Agareso e financiado por Cooperación Galega.

26 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.