Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Lalín e Silleda atentos ao comité clínico de hoxe ante a posible interrupción das restricións

Os expertos dirimirán na súa xuntanza se continúan ou non as medidas ante a favorable evolución dos índices epidemiolóxicos, “a máis favorable da área de Santiago”

Lalín e Silleda coñecerán hoxe se as medidas que o Sergas impuxo a ambas localidades hai dúas semanas ante a maior incidencia da covid nos dous concellos do Deza se paralizan, e é que, se hai dúas semanas Lalín rexistraba 59 casos activos e Silleda 24, hoxe estas cifras móvense nos 35 e no 13 respectivamente. No referente ás hospitalizacións, dos 35 doentes lalinenses activos, só dous se atopan en ingreso hospitalario, mentres que o resto evolucionan a través do seguimento domiciliario. Ademais, 92 contactos asociados se atopan en situación de confinamento domiciliario. Mentres que no caso de Silleda, tan só un doente permanece hospitalizado.

Unha evolución dos índices epidemiolóxicos que o departamento sanitario da Xunta califica como “a máis favorable da área de Santiago”, pero ante a que os concellos teñen decidido non baixar a garda. Nunha reunión na tarde do luns, a Comisión Municipal de Seguimento da covid-19 de Lalín decidiu manter as medidas complementarias artelladas polo goberno local de xeito paralelo ás restricións marcadas pola Xunta de Galicia mentres o organismo autonómico manteña ao Concello de Lalín nun escenario de risco de contaxio e de restricións como o actual. Deste xeito, mantense a decisión sobre o peche dos parques infantís, o uso da Biblioteca Municipal só para préstamos de libros e pechadas as salas de estudio e de consulta, a suspensión de actividades culturais e sociais, o uso do locais sociais do rural para un máximo de 10 persoas por actividade e a desinfección diaria de todos os centros educativos e cada dous días das rúas do casco urbano.

Trasdeza, pola súa banda, continúa a realizar tarefas preventivas de desinfección, focalizadas sobre todo nos centros educativos e o peche de instalacións municipais.

LALÍN DECIDIU SOBRE AS MÁSCARAS PARA OS COLEXIAIS. A Comisión do covid de Lalín, formada por médicos, veterinarios e forzas de seguridade, tamén analizou o tipo de mascarilla máis idónea que se repartirá entre os alumnos de Infantil e Primaria do Concello de Lalín. Entre todas as opcións presentadas pola coordinadora da Comisión, Eva Montoto, entre todas as mascarillas que se fabrican en Lalín, os membros dos distintos sectores, especialmente médicos e veterinarios, posicionáronse polo reparto de mascarillas hixiénicas sen filtro dada “a dificultade que teñen os nenos para manexarse coas que presentan filtro en relación ás tecidas nunha sola peza”.

Deste xeito, elixirase entre as opcións de mascarillas hixiénicas totalmente homologadas, reutilizables e lavables, e fabricadas en Lalín que non presenten filtro e nas que o propio tecido no que están elaboradas impidan a transmisión e o contaxio do virus.

30 sep 2020 / 10:58
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.