Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
O nome da vila está retroiluminado con letras volumétricas de 1,30 metros de alto // Ubícase no tramo final da rúa de Lugo // O Concello potenciará tamén a oferta dixital para relanzar o sector turístico local TEXTO Alba Prada

Arzúa con maiúsculas

Foi un ano moi duro para o sector turístico. A crise sanitaria fixo que a maioría da poboación apenas saíse da súa comarca, freada polos continuos peches perimetrais e polo temor ao contaxio. Non obstante, o ritmo das vacinas fai pensar que, cun pouco de sorte, o vindeiro verán será diferente ao de 2020. Coa esperanza posta nesta premisa, o Concello de Arzúa xa está a preparar unha serie de iniciativas para facer o municipio máis atractivo aos peregrinos e aos turistas.

É necesario renovar a oferta “para que Arzúa siga a ser un referente, sobre todo entre os usuarios do Camiño de Santiago. Nese sentido, a humanización das rúas é un factor importante”, explican dende o departamento de Turismo, que dirixe a edil Begoña Balado. A primeira das propostas para facer a vila máis atractiva é nin máis nin menos que o cartel de benvida. Dende agora todos os que se acheguen ao concello serán recibidos cunhas letras volumétricas, que acaban de ser instaladas concretamente no tramo final da rúa de Lugo.

O nome da vila ocupa un espazo de 4,30 metros de longo e unha altura de 1,30 metros, e as letras están retroiluminadas para garantir a súa visibilidade. Ademais, o conxunto contará co hashtag #arzuaturismo para promover nas redes sociais a oferta turística da zona.

Dende o goberno local adiantan que outra das accións que se levarán a cabo para abrir Arzúa ao mundo é mellorar a oferta dixital. “Hai unhas semanas, puxéronse en marcha novas canles de comunicación específicas sobre as actividades locais de ocio, patrimonio e cultura, a través das redes sociais de Facebook e Instagram”, apuntan.

Asemade tamén se está a preparar unha nova páxina web de recursos de paisaxe, sendeirismo, patrimonio monumental, e unha completa guía de ocio, na que aparecen referenciados todos os establecementos de hostalaría e restauración arzuáns. O obxectivo é que os peregrinos e visitantes poidan consultar as características dos mesmos e facer reservas nos distintos establecementos da zona.

Hai que destacar que a través das redes municipais, sempre moi activas, a veciñanza pode informarse das actividades de ocio postas en marcha polo Concello. Durante o que queda de mes e o vindeiro, está a desenvolverse o programa Primavera de Cultura. A primeira proposta terá lugar durante a Semana Santa, os días 29, 30 e 31 de marzo e 1 e 5 de abril. O obradoiro A Vila do Mañá volta ao municipio despois do éxito da súa primeira edición, celebrada no pasado mes de setembro, e na que participaron unha vintena de rapaces e rapazas. “Trátase dun proxecto educativo e de divulgación no que a través do xogo e da arte se transforma o lugar que habitamos”, informan. Do 16 ao 30 de abril a biblioteca Rosalía de Castro acollerá unha exposición de ilustracións, cunha colección de traballos de M.J. Plata. Tamén abril será un mes para apoiar o hábito da lectura e ás librarías locais.

Todas estas propostas son sempre visibles a través das redes, e sen dúbida, potenciar este recurso, é hoxe básico para calquera municipio.

26 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.