Santiago
+15° C
Actualizado
jueves, 13 mayo 2021
21:18
h
Un dos pequenos faleceu debido á inanición e ao frío // As cadelas que lograron sobrevivir están a salvo nunha casa de acollida // Xa hai unha trintena de persoas interesadas en adoptalas // Foron rescatados en Chaián, Trazo TEXTO Alba Prada

Final feliz para dous dos cachorros que atoparon dentro dunha bolsa do lixo

A pasada semana informábamos dunha noticia que espertou o lado máis humano de todos os lectores e lectoras e, especialmente, de todos os amantes dos animais, que non quedaron calados ante un novo caso de crueldade animal. Tres rapaces (Daniel, Alicia e Luana) descubrían o pasado sábado, día 17, en Chaián, Trazo, unha bolsa do lixo, tirada no medio do monte, que contiña tres cans recén nacidos. O suceso conmocionou a todos cantos se fixeron eco da nova, de tal forma, que a través das redes sociais deste xornal, foron moitos os que amosaron a súa preocupación polo estado actual dos pequenos. Unha inquietude que unha servidora tamén compartía.

Tras contactar co Refuxio de Bando, en Santiago, a onde o Concello se encargou de levar os cachorros, recibimos unha mala noticia: un deles perdeu a vida ao pouco tempo de chegar debido á inanición, ao frío e á deshidratación. “Non foi capaz de entrar en calor”, conta Olalla García, directora do Refuxio. Unha triste nova que logrou endulzarse un pouco ao coñecer que as dúas cadeliñas se atopan a salvo nunha casa de acollida “das que forman parte da fundación, nun concello moi próximo a Santiago”, relata.

As dúas pequenas, que ao parecer son moi espertas e alegres, reciben grazas a estos voluntarios todos os coidados que precisa un recén nacido e toman biberón con leite en po especial cada dúas ou tres horas.

Cando os cans chegaron ao Refuxio “tiñan tan só dous ou tres días de vida” polo que ata dentro de dous meses estarán na casa de acollida. “A través das nosas redes e da páxina web indicaremos o momento no que estarán listos para un fogar definitivo”, explica Ollalla. Aqueles interesados en facer dunha das cadelas a súa compañeira de vida non ten máis que enviar un correo a refuxio@refuxio.gal. “Pasarémoslle un cuestionario de preadopción para saber onde vivirá o animal e logo darémoslle unha cita para que o coñezan”, sinala a directora.

Afortunadamente xa son unhas trinta as persoas que chamaron á fundación interesadas en adoptar a un dos cachorros, polo que a entrega estará condicionada pola orde de chegada das solicitudes. Pero lembra que “ata dentro de dous meses e ata que estén desparasitadas e teñan a primeira vacina continuarán no fogar de acollida”. Mentres tanto, todos aqueles que desexen botarlle unha man ao Refuxio de Bando poden colaborar doando comida para os animais en distintos centros como El Corte Inglés ou kiwoko, que recolle alimentos unha vez ao mes. Por suposto, tamén son benvidos voluntarios para pasear os cans ou axudas para afrontar tratamentos custosos que precisan algúns animais enfermos.

Ser familia de acollida tamén é un gran apoio para todos os recén nacidos que aínda non están listos para ser adoptados. “Por sorte contamos con moita xente solidaria porque temos incluso unha lista con voluntarios que se ofrecen a coidalos, especialmente gatos, que son os que máis se abandonan”, indica. Os interesados deben contactar co Refuxio e respostar a unha serie de preguntas para saber si son aptos. “A xente debe saber que é preciso ter tempo porque comen cada dúas ou tres horas e hai que estimulalos para que fagan as súas necesidades”, apunta Olalla. “Ademais é fundamental que teñan coche e sexan de zonas próximas a Santiago”, engade.

Olalla e os membros do Refuxio de Bando, Daniel, Alicia, Luana (que rescataron aos cachorros), a trintena de persoas que se conmoveu coa historia destos pequenos (dos que hai que lamentar unha morte), os voluntarios e voluntarias que axudan non só en Bando senón en moitas outras asociacións animalistas, os veganos e veganas que loitan por un vida libre de crueldade animal en todos os aspectos, os e as activistas... Eles e elas son a esperanza de todas as especies non humanas que viven día tras día sometidos a unha vida desgrazada. Ao mellor é ser moi iluso pero hai que pensar que os bos actos sempre gañan e no fondo sabemos que algún día os dereitos do resto de animais serán os mesmos ca os nosos, miraremos atrás e non poderemos crer tanta barbarie.

28 abr 2021 / 00:15
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.