Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Frades aproba adherirse ó convenio entre Xunta e Fegamp pola COVID

Deste xeito o Concello vai remitirlle ó Goberno galego a xestión das sancións sanitarias

Frades. O Concello de Frades celebrou o súa primeira sesión plenaria do ano. Nela ratificouse a adhesión ao convenio entre a Xunta e a Fegamp para a tramitación dos procedementos sancionadores relacionados co incumprimento das medidas de prevención para a loita contra a COVID.

O concelleiro de Economía, Manuel Ferreiro, explicou que “cada vez que as forzas de seguridade tramitan unha demanda deste tipo, envíana ao Concello correspondente para que inicie o procedemento sancionador”, non obstante, di, “os Concellos pequenos non temos capacidade nin recursos para tramitar estes procedementos”. Desta forma, o Concello fradense comprométese a iniciar e resolver o proceso sancionador, pero remitindo logo á Xunta de Galicia toda a información precisa para que esta se encargue de executar a encarga de xestión. Cando o organismo tome a decisión, o goberno local asumirá a mesma.

Durante o pleno tamén se deu luz verde á Conta Xeral de 2019, informada favorablemente en comisión o pasado 24 de novembro e exposta ao público sen que se presentaran alegacións. Este punto foi aprobado cos votos a favor do Partido Popular e as abstencións de PSOE e BNG, polo que será remitida para a súa fiscalización ao Tribunal de Contas.

Asemade tamén se abordou o PEL-Reactiva. O concelleiro de Economía explicou que 22 microempresas e persoas autónomas da vila solicitaron a súa adhesión a ditas axudas, das que foron concedidas 19. “Estamos aínda en fase de alegacións pero semella que dos 36.196,68 euros que había dispoñibles se van finalmente a investir uns 33.000 euros. Uns cartos que temos que adiantar os Concellos e despois a Deputación achegará o 80%”, explicou Ferreiro Marzoa.

Finalmente, o edil deu conta tamén do inicio do obradoiro dual de emprego Brañas do Illó-Río Samo III, promovido polos Concellos de Ordes, Frades e Mesía e que formará durante nove meses a vinte persoas (10 de Ordes, 5 de Frades e 5 de Mesía) en auxiliares en conservación e mellora de montes e repoboacións forestais e tratamentos silvícolas. A.P.

10 ene 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.