Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Os concellos da comarca compostelá reciben máis de dous millóns de cartos provinciais para reforzar estes servizos de atención, contratar persoal e atender ás familias sen recursos // Padrón e Melide son os máis beneficiados TEXTO M. Rendueles

Guerra á crise: amplíase a Axuda no Fogar para non excluír a ningúen

Que a crise provocada pola pandemia non deixe desamparado a ningén, e en especial a persoas maiores soas e dependentes. Ese é o motivo polo que organismos como a Deputación da Coruña decidiu reforzar este ano todos os seus programas sociais como o de apoio aos Servizos de Axuda no Fogar (SAF), que este ano verá moi incrementada a súa partida para a comarca compostelana, cuxos concellos recibirán, en conxunto, máis de dous millóns de euros para financiar máis de 88.000 horas de servizo.

As do SAF son unhas das axudas incluídas nos dous principais programas sociais da institución provincial, o Fondo Social do Plan Único e o Plan de Servizos Sociais Comunitarios, que suman este ano un investimento de 6,2 millóns de euros na comarca de Compostela, e que se destinarán, tamén, á contratación de persoal especializado en asuntos sociais, axudas a familias con escasos recursos, e programas de conciliación ou respiro familiar.

Os servizos de axuda no fogar son esenciais para garantir a atención aos maiores e dependentes nos concellos máis pequenos. Está orientado a prestación que posibilite a mellora da calidade de vida e da participación das persoas, especialmente das que sofren carencias ou desatencións.

No caso da comarca de Santiago, os cartos programados servirán para financiar este ano un total de 88.688 horas de axuda no fogar e a contratación de 50 profesionais, entre persoal técnico e administrativo, que traballarán exclusivamente nas áreas de Benestar Social dos municipios da zona.

DISTRIBUCIÓN En canto á distribución do diñeiro a nivel municipal, é de subliñar que o concello da comarca de Santiago que máis diñeiro recibe é o de Padrón, que obterán 146.269 euros para reforzar o servizo e contratar persoal. Séguelle Melide, con 131.716 euros; Negreira, 128.884; Rois, 118.400; Teo, 114.160; Santa Comba, 104.520; Vedra, 102.294; Dodro, 100.480; Val do Dubra, 86.080; Trazo, 82.000; Touro, 76.000; Ordes, 74.056; Brión, 62.000; O Pino, 61.136; Boqueixón, 58.396; A Baña, 55.600; Arzúa, 55.000, e tamén Frades, que recibirá 52.560 euros destas axudas.

Segundo explican, con estes apoios o organismo provincial “quere estar preto da xente que máis o necesita e ofrecer á cidadanía contar cuns servizos sociais profesionais e de calidade, independentemente do lugar onde vivan”, segundo afirmou González Formoso.

A institución presume de que o diñeiro co que se financian os servizos de axuda no fogar é de 12 euros/hora, o que, destaca, “é moi superior aos 9,7 euros/hora que dispón a Xunta de Galicia, a pesar de ter as competencias na área social”. Segundo matiza o responsable provincial, a Administración autonómica “mantén conxelada a súa achega desde o ano 2016, o que ocasiona unha importante carga económica para os concellos, xa que non cubre nin a metade do prezo dun servizo que a día de hoxe costa arredor de 18 euros/hora, o que obriga aos concellos a asumir a outra metade”.

PROFESIONAIS González Formoso quixo destacar o labor que fan os profesionais que o organismo que preside axuda a contratar para os servizos de atención á dependencia. “Son os que buscan solucións aos problemas diarios das persoas máis desfavorecidas ou que atravesan situacións difíciles, os que atenden nas casas a maiores e dependentes”.

O dirixente provincial di que a estratexia de mellorar as axudas sociais debeuse, entre outras causas, a que” moitos municipios viron incrementada a carga de traballo dos seus servizos sociais debido á crise provocada pola COVID.

Finalmente, insiste na dureza e dedicación que esixe a labor que desenvolven os traballadores dedicados a prestar servizos sociais. “Atenden cada día a miles de cidadáns con problemas de índole social, que con frecuencia pertencen a colectivos especialmente vulnerables: infancia, mulleres vítimas de violencia, persoas con especiais dificultades de inserción laboral, maiores sen recursos, persoas sen fogar ou con discapacidade”.

O protagonista
“No último ano triplicouse a demanda”
Antonio Fernández Angueira
Alcalde de Padrón

Un dos concellos composteláns máis favorecidos polo incremento das axudas para o servizo de axuda no fogar é Padrón, cuxo alcalde, Antonio Fernández Angueira, valoraba onte moi positivamente a aportación provincial para o SAF, “posto que no último ano triplicouse a demanda deste programa”. O rexedor padronés engadiu que “ante as necesidades sociais que xurdiron por mor da COVID, desde o executivo municipal tivemos que incrementar considerablemente ao departamento de Servizos Sociais”.

{ a velas vir}
Moitos desherdados
María Rendueles

Parece obvio, aínda que para máis dun non o é: as crises acrecentan sempre as diferenzas, xa xigantes de por si, entre os ricos e os pobres. Se unha pensa nese dato, tan incrible como manoseado, de que o noventa por cento da riqueza está no un por cento da poboación mundial, empeza a entender moitas cousas, incluso ata o outro problema tamén xerado pola pandemia: o medo as vacinas ou á guerra comercial aberta entre farmacéuticas que, en todos os casos, recibiron financiación pública. A COVID deixa moita incertidume; está a deixar fame, soidade, medo... Pero sobre todo, sobre todo, deixa a moitos desherdados por unha sociedade á que lle gusta moito criminalizar aos que osan defender un reparto xusto da riqueza.

24 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.