Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Mineiros de Touro piden ós políticos que teñan máis respecto e que os escoiten

Rexeitan as declaracións en contra do proxecto de reapertura e as visitas á zona só para sair na foto

Touro. A Asociación de Traballadores Mineiros de Touro e O Pino, ante a visita dalgúns políticos que acuden á zona, ó seu xuizo “solo para coñecer unha parte da historia (por certo, manipulada)”, solicita que se lles respecte e que se lles escoite. “Nós tamén somos veciños e veciñas de Touro e O Pino; somos unha maioría e queremos un futuro para a nosa comarca”.

Nun comunicado emitido este mércores explica a asociación que “vemos como, de novo, comezan os políticos, movidos por intereses puramente partidistas, a sacarse as fotos de rigor, e visitar a zona da man dos colectivos contrarios ao Proxecto Touro. E nós preguntámonos, porque non se nos ten en conta? Somos unha asociación local formada por máis de mil persoas, que pertencen na gran maioría á comarca e que vemos no Proxecto Touro unha oportunidade de futuro. Temos moito que dicir. E eles, que din defender á clase traballadora, deberían escoitarnos”.

Pregúntanse na asociación “por que mostran un rexeitamento total á reapertura da explotación sen sequera escoitarnos? Din que verificaron a magnitude da afectación... Con quen? Con asociacións contrarias ao proxecto que contan verdades a medias e se amparan en estudos e informes obsoletos e manipulados? Por que non se informan con fontes profesionais como técnicos, organismos científicos e universitarios...? Non entendemos nada”.

Os traballadores mineiros que queren que a reapertura da mina indican, en referencia a políticos de A Marea e de Anova, que “eles esixen que se restaure ambientalmente a zona fluvial afectada pola antiga explotación. Ben. Nos tamén. Saben que, precisamente, o Proxecto Touro suporía unha solución para isto? Porque o proxecto propón unha restauración medioambiental completa para mellorar o entorno. Así o marca a lei, e así o van facer. Queren que se resolva un problema, pero non queren a solución. Alguén nolo explica?”.

Non entenden desde a asociación que se diga desde estas formacións políticas que “debido ao grave estado das augas, a reactivación do Proxecto Touro por parte de Cobre San Rafael “é inadmisible”. Por que? Acaso son eles os responsables diso? Porque non é así, e se estes políticos cren iso, están reafirmando a nosa certeza de que non están en absoluto informados”.

FOTO ELECTORALISTA. Os mineiros pídellen ós políticos “que deixen aos profesionais facer o seu traballo. Que deixen que a empresa solucione o problema das augas. Que non antepoñan unha foto electoralista aos intereses dos veciños e veciñas, porque somos moitos os que queremos que o proxecto saia adiante”.

Finalmente, a Asociación de Traballadores Mineiros de Touro e O Pino deixan moi clara a súa postura: “É moito o que está en xogo: postos de traballo, o futuro dun sector, o dunha comarca. Escoiten á xente: a todos, e non só os que gritan máis. Fagan un esforzo (que non debería ser tal) por entendernos”, para rematar o comunicado cunha petición ós políticos: “Déixennos seguir vivindo na nosa zona, e crendo que podemos ter un futuro aquí”. ana pérez

23 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.