Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Nelssy Soriano fai unha masterclass co queixo de Arzúa

A chef amosou a potencialidade deste produto na cociña cun obradoiro no centro Efa Piñeiral

Esta fin de semana celébrase a 46 edición da Festa do Queixo de Arzúa, un festexo que se desenvolverá de maneira online ante a imposiblidade de levar a cabo actividades presenciais por mor da pandemia. O centro de ensino arzuán Efa Piñeiral tamén quixo facer a súa particular aportación a esta importante cita para a vila, e para iso acolleu nas súas instalacións á chef Nelssy Soriano.

Nelssy realizou tres elaboracións, dúas salgadas e unha doce. A sesión comezou coa sobremesa FlanYago; un flan de queixo cremoso DOP Arzúa-Ulloa con base de tarta de Santiago que en palabras da chef “pretende ser un tributo aos dous elementos máis representativos de Arzúa, o queixo DOP Arzúa-Ulloa e o Camiño de Santiago”, sinalou.

A ensalada de tomate azul con queixo Arzúa- Ulloa foi o entrante escollido para continuar co obradoiro, e por último como plato principal elaborouse Homenaxe á nosa terra, un queixo Arzúa-Ulloa curado recheo de polbo e grelos. “Cando me encomendaron dende a Efa Piñeiral a realización desta masterclass tiven claro que o meu obxectivo era ensalzar a excelencia e a versatilidade do protagonista, do queixo D.O.P. Arzúa-Ulloa, e rodealo de produtos de tempada que acompañaran, que fixeran o coro pero que non camuflaran en ningún momento o sabor”, afirmou Nelssy Soriano.

“É un gusto poder acoller no noso centro accións formativas e divulgativas como esta masterclass”, apuntou a directora do centro, Ana Saavedra. A fin da nosa misión, “como centro de formación profesional e promoción rural, non é outra que contribuír ó mellor coñecemento, difusión e valorización do noso territorio e dos nosos recursos e esta é sen dúbida unha ocasión perfecta para facelo”, afirmou Saavedra.

Este obradoiro de cociña impartiuse de xeito presencial e tamén virtual. Segundo fontes do centro, un aforo de quince persoas estivo presente na clase, entre eles, contábanse alumnos así como profesionais dos concellos de Arzúa e Melide.

FIN DE SEMANA De forma virtual, dentro da programación da Festa levada a cabo polo Concello, na fin de semana terán lugar outros dous cursos de cociña. Neste caso correrán a cargo de María José Sanmartín, de Casa Chelo (o sábado) e de Pilar Rodríguez, do restaurante Fonte do Picho (o domingo). Haberá máis actividades e concertos que se poderán seguir en streaming en www.festadoqueixo.org.

05 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.