Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Traballouse arreo para que estivese todo preparado para esta Semana Santa // O percorrido, que está homologado, abrangue vinte e un quilómetros na natureza para rematar no precioso salto de auga cun entorno moi mellorado TEXTO M. Boo

Nova faciana para o roteiro da Fervenza das Hortas en Arzúa

O roteiro da Fervenza das Hortas é un dos maiores patrimonios inmateriais do concello de Arzúa, un percorrido que ao longo dos seus 21 quilómetros ofrece ao camiñante a beleza incomparable da natureza en estado puro. A concellería de Turismo, que dirixe a edil socialista, Begoña Balado, leva traballando nos últimos meses no acondicionamento do roteiro que xa nestes días de Semana Santa pon a disposición de todos os visitantes un sendeiro con todas as garantías de seguridade e que permite desfrutar dunha paisaxe de beleza sen igual.

O Roteiro da Fervenza das Hortas (PR-G 19) é o único do municipio que está homologado pola Federación Galega de Montañismo. Conta con esta distinción dende 2015 ao cumprir dende aquela coa normativa existente a nivel de sendeiros.

Ao longo dos máis de 20 quilómetros de percorrido, amosa os recunchos máis fermosos do municipio en plena natureza deixando estampas dunha beleza incomparable; comeza no lugar da Fonte Santa e dende aí e sempre á beira do río Carracedo achégase á coñecida como Costa da Torrente, de 160 metros de lonxitude e un 30 % de desnivel; ao final desta pronunciada pendente divísase un inmenso val que abrangue todo o núcleo urbano de Arzúa e núcleos rurais como Lema e Pastoriza; chega a Maroxo atravesando frondosas carballeiras á marxe mesma do río e achégase ata os Muíños de Roque, atravesa a ponte que hai no lugar e vai ata Brandeso, sempre por camiños tradicionais; así chega ata Viñós, onde comeza a vislumbrarse o encoro de Portodemouros, e a ruta vai ao carón do embalse ao longo duns 500 metros, pasa pola área de descanso e chega ata o Museo do Mel. Dende alí sube ao lugar das Hortas e finaliza na fervenza, lugar no que o goberno local fixo un importante traballo de conservación e mantemento que deixa á vista un lugar de beleza sen igual.

Un total de 26.869,44 euros vén de investir a concellería de Turismo municipal nun dos lugares máis emblemáticos do roteiro, xusto no final do mesmo, na caída de auga que lle dá nome: a Fervenza das Hortas. Estes días remataron as labores de retirada das árbores que dado o seu mal estado de conservación impedían un tránsito seguro polo sendeiro; reparouse a baranda que acompaña o descendo á base da cascada e tamén os peldaños da baixada. Procedeuse á limpeza da poza na base da fervenza e mellorouse o tellado do muíño.

Este proxecto contempla tamén a colocación de tres paneis informativos. Un deles situarase na Fonte Santa, outro no mirador de Maroxo e un terceiro na zona de aparcamento antes de descender á base da fervenza. Está prevista tamén a colocación de catro bancos e outras tantas papeleiras na contorna, así como a completa renovación de toda a sinalización do mencionado sendeiro.

A concelleira de Turismo de Arzúa, a socialista Begoña Balado, destaca a importancia desta actuación indicando que “é sumamente importante destinar esforzos e recursos á conservación do noso patrimonio; o roteiro da Fervenza das Hortas percorre, precisamente, algúns dos nosos lugares máis emblemáticos e é a nosa obriga coidalos, acondicionalos e promocionalos axeitadamente para seguir amosando a todos os visitantes a súa grandeza”.

Coa intención de que o roteiro amosara a súa mellor faciana xa nestes día de Semana Santa, traballouse arreo na limpeza e desbroce do sendeiro ao longo de todo o seu percorrido. Realizáronse tamén outras actuacións necesarias para que o transcurso por algúns tramos resultase o máis cómodo e seguro para os sendeiristas.

02 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.