Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Os camiñantes son homes e mulleres a partes iguais, de idades comprendidas entre os 31 e os 45 anos // A súa motivación é espiritual, a superación persoal e o contacto coa natureza // Italianos e lusos lideran as chegadas de fóra TEXTO M.Boo

O peregrino do Camiño Inglés gasta de 30 a 60 euros por día

“A estimación do impacto económico do Camiño Inglés foi de catro millóns de euros no ano 2019, o que supón unha media de gasto de 250 euros por peregrino”. Son palabras do presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, na xornada titulada Intervencións dende a enxeñería na conservación e recuperación dos Camiños de Santiago en Galicia, un encontro celebrado onte na Coruña e organizado polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos en Galicia en colaboración coa Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia.

Mirás asegurou que “queda demostrado que o Camiño de Santiago de Compostela é un motor de dinamización socioeconómico e cultural, basta con botar unha ollada aos case 350.000 peregrinos que chegaron no ano 2019 no conxunto das Rutas Xacobeas e os case 16.000 peregrinos do Camiño Inglés, o cuarto camiño en canto a número e cun crecemento moi positivo nos últimos anos”.

Neste sentido enmarcou o labor da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, entidade conformada por dezaseis municipios polos que discorre esta ruta xacobea e que busca “acadar o equilibrio entre o desenvolvemento económico e a conservación do Camiño, así como a mellora das infraestruturas da ruta para facer que a experiencia do peregrino sexa memorable”.

Manuel Mirás, que ademáis é o alcalde de Oroso, explicou que tomou como referencia os datos de 2019 xa que “no ano 2020, por mor dunha situación totalmente atípica como é a pandemia sanitaria, a caída de visitantes foi do 81%, con pouco máis de 54.000 peregrinos en todos os Camiños e case 3.000 no Camiño Inglés”.

A nivel global, citou un estudo da Federación de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago que estima que o impacto económico de todas as rutas xacobeas foi de 194,7 millóns de euros no ano 2018.

Durante a súa intervención, Mirás presentou as primeiras conclusións do estudo de impacto socioeconómico do Camiño Inglés, realizado en 2020 pola Universidade da Coruña. Un estudo que permitiu obter un perfil do peregrino do Camiño Inglés: homes e mulleres a partes iguais, de idades comprendidas entre os 31 e os 45 anos (42%), que fan un gasto de entre 30 e 60 euros por persoa e día e que manifestan como principais motivacións as espirituais, a superación persoal e o contacto coa natureza.

Sobre a procedencia, os galegos son minoría, destacando a nivel nacional as persoas procedentes de Madrid, Comunidade Valenciana, Cataluña e Andalucía. En canto aos internacionais, destacan italianos e portugueses, seguidos por franceses, alemáns e británicos.

O 40 por cento fai a ruta en cinco días, o 22% en seis días e o resto emprega máis tempo, especialmente no caso do turista internacional.

“Entre o peregrino internacional, especialmente entre ingleses e irlandeses, destaca que un vinte por cento estaría disposto a gastar entre sesenta e cen euros por persoa e día, ademais de prolongar a ruta entre sete e dez días, xa que se trata dun peregrino de máis idade, sen cargas laborais nin familiares e que representa un segmento atractivo para o noso territorio”, apuntou Manuel Mirás.

Por iso, a Asociación de Concellos do Camiño Inglés traballa na creación da Red Stelar, unha rede formada por establecementos turísticos de cada municipio por onde pasa esta ruta xacobea cara a Santiago e que traballan na mellora da calidade do servizo de atención ao peregrino, con criterios de sustentabilidade e empregando produtos de quilómetro cero, tanto agroalimentarios como pesqueiros. “Esta rede pretende acadar a excelencia no Camiño”, explicou Mirás Franqueira, “para o cal levamos a cabo diferentes formacións e asesoramentos individualizados en cada un dos establecementos”.

A maiores, a Asociación de Concellos do Camiño Inglés asinou un convenio de colaboración coa Deputación da Coruña para actuacións de mellora da infraestrutura e posta en valor do Camiño Inglés. Neste sentido vanse investir 440.000 euros na eliminación de puntos perigosos para o peregrino, mellora dos camiños, da sinalización e do alumeado público. “Tamén se colocarán paneis de información turística e patrimonial en cada un dos concellos polos que pasa o Camiño, con información importante para o peregrino”, sinalou o presidente da entidade.

Finalmente, o estudo dirixido por Carlos Rodríguez e Pablo Abeal, profesores de Turismo da Universidade da Coruña, deixa tamén outros datos interesantes como que o 65% dos representantes municipais considera que se deben crear paquetes turísticos arredor do Camiño Inglés para axudar a aumentar o gasto medio do peregrino; que o 40% das empresas consideran ao peregrino como un cliente obxectivo importante para o futuro, pois destacan que hoxe en día é só un negocio complementario (salvo para aqueles restaurantes, bares ou aloxamentos emprazados a pé do Camiño); e que o 63% dos residentes pensa que o Camiño Inglés conta con menos apoio institucional ca outras rutas xacobeas, se ben un 60% considera que a potenciación do Camiño sería moi beneficioso para o seu concello.

A Asociación do Camiño Inglés está constituída por dezaseis concellos polos que transcorre esta ruta xacobea: A Coruña, Abegondo, Betanzos, Cabanas, Carral, Fene, Ferrol, Mesía, Miño, Narón, Neda, Ordes, Oroso, Paderne, Pontedeume e Santiago de Compostela.

O Camiño Inglés conta cunha tradición de máis de oitocentos anos, xa que era a ruta utilizada de xeito maioritario polos peregrinos do norte e oeste de Europa, que preferían arriscarse a unha travesía de tres ou catro semanas en barco a un traxecto de un ou dous anos a pé ata os portos de A Coruña ou Ferrol, dende onde camiñaban ata Santiago de Compostela.

Actualmente, o Camiño Inglés é unha ruta en auxe que cada vez toman máis peregrinos e que aumenta os seus servizos e aloxamentos dedicados aos camiñantes en función do incremento da demanda.

05 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito