Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Trátase do primeiro plan de esterilización e identificación de cans e gatos posto en marcha nun concello do rural galego // Con este acordo preténdese pór fin á sobrepoboación e facilitar a súa identificación en caso de pérdida TEXTO Alba Prada

O Pino e Apaca únense nunha campaña de benestar animal

A primeira campaña de esterilización e identificación de cans e gatos posta en marcha nun concello do rural galego está a ter lugar no Pino en colaboración coa Asociación Protectora de Animais do Camiño (Apaca). Segundo indican dende o goberno local “o obxectivo é evitar as camadas non desexadas, reducir a poboación de cans e de gatos, ter aos cans identificados co microchip e evitar problemas xinecolóxicos nas femias”, explican.

Grazas a este acordo faranse descontos superiores ao 40% a todas aquelas persoas que queiran acollerse á campaña. O convenio establece que as familias con escasos recursos ou en risco de exclusión (que conten cun informe dos Servizos Sociais municipais) poden unirse gratuitamente ou pagar uns prezos simbólicos. O presidente de Apaca, Santiago Piñán, recalca a finalidade de “evitar a sobrepoboación destos animais e á vez facilitar a súa identificación en caso de que se perdan”. Pola súa parte, o alcalde do Pino, Manuel Taboda, insiste en que “se leva o microchip, podemos localizar ao seu propietario en poucos minutos para devolverlle o animal. Se non o leva, resulta moi complicado, e o Concello ten que asumir o incremento de custo para ter recollido o can”, explica. Dende o goberno local agradecen tamén a colaboración neste proxecto das clínica Arsovet (en Arzúa) e Aldur (no Pino).

Poderán participar todos os veciños e veciñas empadroados no Pino que o soliciten e para iso non terán máis ca enviar un correo electrónico a apaca@paradoxahumana.com ou ben chamar ao 604 028 306. Dende a entidade explicarán o procedemento a seguir, e incluso se comprometen a visitar o domicilio e facilitar toda a información necesaria. Con esta campaña buscamos tamén “evitar un problema no Camiño de Santiago”, onde sempre aparecen moitos cans abandonados, ou que seguen aos peregrinos e logo se perden, “e representan un sobreprezo para os concellos, que debemos recollelos, localizar aos seus donos e coidalos”, engade Taboada.

Agora mesmo Apaca, en verbas da xerenta, Raquel Freiría, conta con 22 cans e seis gatos dispoñibles para a adopción. “O noso modelo de casa de acollida garante que os animais estean socializados, educados e, en maior ou menor medida, recuperados dos seus traumas anteriores”, apunta Raquel. “Isto non quere decir que todos encaixen en calquera casa, xa que cada un ten as súa propia personalidade, circunstancias e necesidades. Tomámonos moi en serio procurar que a persoa ou familia sexa a adecuada para o animal, e viceversa. O obxectivo é que a adopción sexa un éxito e que realmente o can ou o gato pasen a ter unha mellor vida que na súa situación anterior e, a poder ser, mellor que estando con nós”.

Por todo isto seguen un riguroso proceso que implica unha entrevista persoal, visita ao domicilio antes de entregar o animal e un período de proba antes do traspaso de titularidade, a parte do posterior seguimento. “Para adoptar con nós o primeiro que hai que facer é reflexionar sobre o compromiso que conleva levar a casa un can ou gato e se, honestamente, temos a capacidade e a vontade para adaptarnos ás súas necesidades e poder ofrecerlle unha calidade de vida digna. Despois só teñen que chamarnos ao 604 028306 ou escribir ao email apaca@paradoxahumana.com”, explica a xerenta. Grazas a Apaca moitas persoas gañan un compañeiro de vida á vez que ofrecen un fogar a estas agradecidas criaturas.

A PROTAGONISTA
“É UNHA
OBRIGA DOS PROPIETARIOS”
Raquel Freiría Xerenta de Apaca

Insiste en que “o microchipeado dos cans e o control da reprodución de cans e gatos é unha obriga dos propietarios dos animais”, e lembra que telos “sen identificar, ou deixar que os animais de compañía se reproduzan descontroladamente, pode implicar sancións de ata 5.000 euros”. Apaca financia esta campaña “coa recadación que obtemos da venta do libro Códex Canino, un manual de boas prácticas para facer o Camiño de Santiago con animais”.

De momento, indica Raquel, “só O Pino aceptou a proposta” aínda que nos últimos anos lla ofreceron a moitos máis. Recorda que “esterilizar e microchipear aos animais aforraríalles unha enorme cantidade de cartos a medio e longo prazo. Moitos xestores municipais xa saben o que é verse desbordados polo gasto ao que teñen que facer fronte para cumprir a obriga de recollida dos cans e gatos”, apunta. Actualmente a sede social e administrativa de Apaca está en Cacheiras.

08 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.