Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
O chef Manuel Garea foi o encargado do último showcooking do programa ‘Sabores e Saberes’ // O próximo está previsto para o 8 de xuño en Arzúa // Hai 15 prazas TEXTO Claudina Estévez

Os melindres puxeron a nota doce ao Camiño

Sabores e Saberes do Camiño, proxecto liderado pola Federación Efas de Galicia e que forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta, celebrou esta semana en Melide a súa quinta sesión. Desta vez o showcooking foi inaugurado polo tenente de alcalde melidense José Prado, e por Enrique Rodríguez, vicepresidente das Efas de Galicia.

O chef Manuel Garea foi o encargado de conducir esta nova cita, que contou con aforo completo (hai que lembrar que se permite un máximo de 15 persoas para ver o showcooking e degustar) e que tivo lugar no Hotel Carlos. O cociñeiro apostou por confiar nos seus provedores habituais para a composición das elaboracións realizadas. “Casa Grande de Xanceda, Ovos Castro Serantes, Xeados Borboriño, Finca Millo e Landras e Aceites Figueiredo estarán presentes na miña intervención e cociña en vivo cos seus produtos. En referencia ás elaboracions, quixen apostar polo produto de tempada tanto en salgados como en doces, sendo estes últimos especiais protagonistas xa que a sobremesa ten a presenza da miña fórmula de Melindres”, afirmou o chef e asesor gastronómico.

Resultado deste saber facer foron as elaboracións feitas: ‘Tirabeque, Bacallau, ovas e mollo de espinaca’ e de sobremesa ‘Melindre en texturas, cremoso de vainilla, albaricoque e galleta de nata’.

Enrique Rodríguez aproveitou a cita gastronómica para sinalar a necesidade de “seguir apostando e traballando en iniciativas que como Sabores e Saberes do Camiño propicien sinerxias entre produtores, profesionais e o público en xeral. “Grazas á guía na que culminará a terceira fase de Sabores e Saberes do Camiño contarase cun marco de referencia no que se recompile o bo facer de todos os profesionais implicados neste proxecto, e que pretende ser un instrumento de promoción nestes anos Xacobeos tan especiais que temos por diante”, afirmou o vicepresidente das Efas de Galicia.

Hai que lembrar que Sabores e Saberes ten como finalidade o desenvolvemento das áreas rurais do Camiño de Santiago, a promoción da súa riqueza cultural, natural e humana a través de actividades de difusión da potencialidade gastrocultural nos concellos de O Pino, Arzúa, Palas e Melide. O vindeiro showcooking está previsto para o 8 de xuño en Arzúa e o chef encargado das elaboracións será Guille Moscoso. Logo, farase outro en Palas.

As primeiras sesións deste programa tiveron lugar nas instalacións do centro de formación profesional Efa Piñeiral de Arzúa (responsables de coordinar e impulsar estes actos) co queixo D.O.P Arzúa-Ulloa e o mel como protagonistas de sendas accións. O galo de curral (cita que tivo lugar no Pino) tamén centrou outros dos cociñados. A anterior a esta tamén foi en Melide, e os pratos correron a cargo de MLuz Valiño. Todos os interesados en anotarse á vindeira actividade deben saber que hai que apuntarse previamente no número 676 260 196. Por motivos de seguridade o máximo son 15 prazas.

23 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.