Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Os veciños de Ordes resolven dúbidas sobre a nova tarifa da luz e obteñen consellos para poder aforrar

ORDES. A xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), Sol Vázquez, asistiu o mércores pola tarde á casa da cultura de Ordes para estar presente na charla organizada polo seu departamento, dependente da Xunta de Galicia, dentro da campaña informativa sobre a nova tarifa eléctrica. Unha iniciativa na que os veciños e veciñas do municipio puideron resolver dúbidas sobre os tres novos tramos horarios –val, chairo e punta– implantados polo Goberno central o pasado mes de xuño.

A charla, enmarcada dentro dos 60 talleres que ten previsto levar a cabo o IGCC por diferentes municipios galegos ao longo deste ano, coincidía xusto no día en que o prezo medio da luz en España chegaba a un novo máximo histórico, superando a cota dos 106 euros por megavatio e hora. Un feito que ten moi preocupada a unha boa parte da cidadanía que non sabe como afrontar os novos prezos. Durante o acto, Sol Vázquez destacou a importancia deste tipo de actividades para dar resposta á veciñanza, así como para facilitarlle consellos e recomendacións coa fin de aforrar na factura da luz e minimizar na medida do posible os problemas na economía das familias galegas.

A próxima cita desta campaña informativa será este xoves 29 de xullo no Edificio de Usos Múltiples de Teixeiro, en Curtis, ás 20.00 horas. Ademais, este xoves 22, ás 12.30 horas, ofrecerase unha videoconferencia ao respecto a través da aula virtual incluída na web do IGCC para os usuarios das aulas Cemit.

Na páxina do Instituto Galego do Consumo e da Competencia “pode atoparse tamén máis información referida á nova tarifa”, informan dende o Goberno galego. Así mesmo, o IGCC pon a disposición de todos os interesados e interesadas as oficinas que ten repartidas polas sete grandes cidades de Galicia, ou ben o seu teléfono gratuíto: 900 231 123, operativo de 09.00 a 14.00 horas de luns a venres. C.E.

22 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.