Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Reurbanízase a rúa Campo Grande de Melide por case 300.000 euros

O 1 de marzo remata o prazo para presentar as ofertas a estas obras do Plan Único

Melide. A rúa Campo Grande de Melide vai experimentar todo un lavado de cara grazas ás axudas procedentes do Plan Único da Deputación da Coruña. En total, ao abeiro deste programa, o ente provincial destinará 298.248,50 euros para reurbanizar dito viario. As obras, en fase de licitación ata o 1 de marzo, comezarán antes do verán e incluirán a renovación do firme da totalidade da rúa, colocando ao mesmo nivel o pavimento rodado e o peonil e distinguindo o espazo entre ambos mediante os materiais empregados, que para os vehículos será de formigón lavado e para os peóns de lousa de granito e baldosa de formigón. O obxectivo desta reorganización da vía, sinalan dende a Deputación, é o de humanizar e mellorar este espazo público e mellorar a accesibilidade.

Por outra banda, realizarase unha nova rede separativa de saneamento e pluviais, renovarase a rede de abastecemento e incorporarase unha canalización común para instalacións de telecomunicacións, subministro eléctrico e iluminación, que quedarán soterradas. Ademais, no espazo libre que hai ao comezo da rúa Campo Grande instalarase un banco de pedra, dúas árbores, un poste para iluminación e un elemento de ocultación das infraestruturas de recollida de residuos.

Para a redacción deste proxecto tomouse como referencia o traballo desenvolto pola Mancomunidade de municipios galegos do Camiño Francés para potenciar a imaxe corporativa coa fixación de elementos comúns nas intervencións no Camiño de Santiago. As empresas poderán presentar ofertas no perfil do contratante do Concello ata o 1 de marzo.

MERCADO Por certo que o goberno local anuncia a reapertura do mercado de produtos agrarios este domingo. A feira celebrarase na súa ubicación habitual, na Praza das Coles e na Rúa Alhóndiga, e contará cun dispositivo especial de seguridade. A.P.

12 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.