Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Samaín, magosto ou saídas micolóxicas neste Outono Cultural de Melide

Melide. O Concello de Melide organiza durante os meses de

outubro e novembro unha nova edición do Outono Cultural. Un ano máis, a programación conta con actividades variadas para toda a veciñanza melidá. O Camiño de Santiago, as celebracións tradicionais do magosto e o Samaín ou a micoloxía, centran algunhas das actividades que se desenvolverán entre finais deste mes e mediados do vindeiro novembro.

O Outono Cultural arranca coa celebración do Día da Biblioteca, na biblioteca municipal Xosé Vázquez Pintor o 24. O Mago Paco representa ese día a súa función de maxia divertida Contamaxias ás 17.30 h. O xoves 27 presentarase a campaña de normalización lingüística Melide agora e sempre en galego, orientada a impulsar o uso do galego nos actos fúnebres, nas derradeiras vontades, nas placas mortuorias ou nas necrolóxicas que lembran os nosos seres queridos. A campaña será presentada no salón de plenos da casa do concello ás

18.30 horas.

Ao día seguinte, o venres 28 de outubro, e dende as 20.30, a sala de conferencias do edificio multiúsos acollerá a conferencia A vía láctea e outros motivos do Camiño de Santiago. Non será este o único evento relacionado coa temática xacobea. A entrada do Concello acolle dúas exposicións fotográficas con este fío condutor. Do 13 ao 20 de outubro exporase a mostra 100 lugares máxicos do Camiño de Santiago. Do 25 ao 31 do mesmo mes estará exposta no mesmo lugar a exposición No Camiño. As imaxes que viron os peregrinos.

O domingo 30 de outubro, terá lugar no centro sociocultural Mingos de Pita a representación do espectáculo teatral para maiores de catro anos Cubo, a cargo da compañía Elefante Elegante. Será ás 18.00. O luns 31 de outubro, véspera de Defuntos, as rapazas e rapaces de Melide están convidados a pasar unha tarde arrepiante na Tarde de Samaín no centro sociocultural Mingos de Pita.

As propostas continuarán en novembro. Unha será o magosto, o sábado 5, e a outra serán unhas xornadas micolóxicas, que se celebrarán os sábados 5 e 12 de novembro. Incluirán saídas ao monte para aprender a distinguir no terreo as especies comestibles das que non o son. c.e.

15 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito